O concello de Mondoñedo deu por concluídas as obras de mellora da estación de bombeo que impulsa as augas residuais á depuradora municipal, situada no lugar do Coto da Recadieira.
Os traballos afectaron aos equipos de funcionamento e aos dispositivos de elevación da auga, así como ao sistema de pretratamento dos residuos coa instalación dun cestón de grosos, que realiza o primeiro filtrado dos residuos.
Ademais, as obras incluíron a limpeza e adecuación da contorna das instalacións. Renováronse os pechamentos exteriores da planta e substituíuse o solo no recinto.
INVESTIMENTO DE 40.000 EUROS
As actuacións, que comezaron en novembro, supuxeron un investimento de 40.000 euros, procedentes do Fondo de Compensación Territorial que financia a Xunta de Galicia.
A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, explicou que o concello está a manter reunións periódicas con responsables da empresa Aqualia, encargada da xestión dos servizos de auga e saneamento no municipio, para garantir a prestación dos servizos “nas mellores condicións”.