O Concello de Cervo iniciou obras en dúas rúas da urbanización de Río Covo para favorecer o acceso ás vivendas a persoas con problemas de mobilidade. A obra supón un investimento duns 12.000 euros, procedentes de fondos municipais.
Os traballos consisten na ampliación das escaleiras que eran a única forma de acceso a dous grupos de vivendas da urbanización, e que estaban limitadas ao ancho por unhas xardineiras que serán demolidas para gañar amplitude e favorecer a colocación de aparellos salvaescadas que poidan resultar necesarios para as persoas con problemas de mobilidade.
O alcalde, o popular Alfonso Villares, precisou que “estes traballos responden a unha liña de traballo que temos marcada desde o Concello encamiñada a facer que as nosas nosas rúas e espacizos públicos sexan cada vez máis humanizados e accesibles para a veciñanza”.
“EXTENSIBLES A OUTRAS ZONAS”
O rexedor asegura que “estas actuacións súmanse ás que xa se levaron a cabo no núcleo de San Cibrao, tamén en diferentes zonas de Cervo e faranse extensibles, pouco pouco, ás diferentes zonas do municipio”.
Villares e o edil de obras, Plácido Pérez, supervisaron a obra acompañados polo pedáneo da zona, Antonio Gallego, e por algúns dos veciños afectados.