O Concello de Trabada celebrou este domingo unha recepción aos membros das dez corporacións municipais que tivo o municipio ao longo dos anos de democracia.
A alcaldesa trabadense, a socialista Mayra García Bermúdez, convocou na casa da cultura a máis de 50 persoas que representaron aos veciños desde as primeiras eleccións municipais, no 1979.
O fillo do falecido Celso Currás, primeiro alcalde trabadense durante a Transición cunha candidatura independente, e José Manuel Yañes Ginzo, que foi primeiro edil 24 anos, participaron no acto. Non puido acudir Ramón Villapol, do PP e rexedor durante dúas lexislaturas.
“A democracia supuxo un éxito extraordinario, xa que pouco ten que ver o noso concello co de hai 40 anos“, explicou a alcaldesa, que exerce como tal desde 2015 e que é a primeira muller en ostentar dito cargo no municipio.
A rexedora agradeceu “o compromiso” dos presentes e dos ausentes. “Sinto unha gran admiración por todos vós”, asegurou, para engadir que “temos un reto por diante, o dos concellos rurais, que é a despoboación“.
Ángel Curras, fillo de Celso Currás, tamén interviu para subliñar que na primeira corporación trabadense “aparcábanse os posicionamentos partidistas dunha mellora para o pobo”.
O popular Yañes Ginzo, pola súa banda, asegurou que durante as súas máis de dúas décadas na alcadía atopou sempre “ánimo e colaboración” por parte das outras cores políticas.
54 EDÍS
Cincuenta e catro persoas participaron nas corporacións trabadenses ao longo dos últimos 40 anos. Nove desas persoas faleceron. Os asistentes recibiron un diploma en agradecemento á súa dedicación.