A Mariña Lucense notará a partir deste martes a aplicación da nova normativa do Goberno central no tocante ao límite de velocidade nas estradas convencionais, que pasará de 100 a 90 quilómetros por hora.
O decreto aprobado polo Executivo a finais do pasado mes de decembro afectará sensiblemente á bisbarra, dado que non existe unha autovía que a vertebre, senón que é a estrada N-642 -á espera da A-74– que exerce como nexo de boa parte da comarca.
Agás no treito da autovía A-8, da que se benefician municipios como Ribadeo, Barreiros, Lourenzá ou Mondoñedo e que pecha con frecuencia á altura do Fiouco polos problemas coa néboa, a poboación da Mariña móvese por estradas nas que a circulación modificarase pola normativa.
Así, na N-642, a redución no límite de velocidade afectará a un total de 43 tramos, segundo explicou o Executivo central.
Tamén se deberá circular a 90 quilómetros hora ou menos no treito da Vía de Alta Capacidade (VAC) Costa Norte que vai de Beltrán (Xove) e Area (Viveiro), o único tramo finalizado na Mariña Lucense da infraestrutura prometida para paliar as carencias da bisbarra en materia de comunicacións, logo do cambio no trazado da mal chamada Transcantábrica.
O GOBERNO PIDE PRECAUCIÓN
A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, pide aos condutores que circulan polas estradas da provincia que “extremen a prudencia e sexan sempre respectuosos cos límites de velocidade, pois o exceso de velocidade é unha das principais causas dos accidentes de tráfico”.
A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) argumenta para xustificar a medida que, “en moitos accidentes, a liña entre a vida é moi delgada e depende de varios factores. A velocidade é un deles”, indica.
“Circulando a 100 qm/h e en boas condicións, un vehículo necesita 14 metros máis para deterse que se circula a 90 qm/h, e esa distancia medra considerablemente cando o chan está húmido ou se o vehículo está mal mantido“, explican fontes da DXT.
350 CAMBIOS NA PROVINCIA
Para facer efectiva a entrada en vigor do límite de velocidade a 90 foi necesario cambiar un total de 350 sinais de tráfico na provincia, 188 en vías pertencentes de titularidade estatal e 132 na rede da que é responsable a Xunta de Galicia.
Así, nas outras estradas das que é responsable o Goberno central, cambiáronse 31 sinais na N-634, 21 na N-VI, 8 na N-547, 46 na N-540 e 39 na N-120.