O Concello de Foz reclama á Xunta de Galicia que arranxe “canto antes” a estrada LU-151, que une Fazouro e San Acisclo e na que se produciu “xa algunha caída de taludes”.
O alcalde, o popular Javier Jorge Castiñeira, lembra que se trata dunha vía “vertebradora, que bordea o río Ouro e une a zona sur do municipio, ademais de partes doutros concellos coa costa, con Fazouro, co viario das diferentes praias e tamén co Hospital Público da Mariña”.
O REXEDOR SINALA QUE A VÍA SERVE DE ACCESO ÁS PRAIAS E AO HOSPITAL E “É MOI USADA POR VECIÑOS DO VALADOURO E ALFOZ”
Así, o rexedor explica que a estrada, de titularidade autonómica, “é moi usada non só por veciños de Fazouro, San Acisclo e Santa Cilla, senón por todos os do municipio de Foz, ademais dos de doutros concellos coma O Valadouro e Alfoz”.
O alcalde focego asegura que a vía está “en mal estado e necesita do arranxo”, e recorda “que xa houbo varios requirimentos por parte do pleno porque xa se produciu incluso algunha caída de taludes”.
PROXECTO “AVANZADO”
Dado “o perigo”, Castiñeira urxe á consellería de Infraestruturas e Mobilidade a licitar “un proxecto que sabemos que ten bastante avanzado, e dotar economicamente cunha partida orzamentaria esta obra, que sabemos que será de envergadura”.