O alcalde de Burela, o socialista Alfredo Llano, precisou este mércores que as negociacións pola Relación de Postos de Traballo (RPT) que reclaman os traballadores do Concello comezarán o 5 de febreiro.
O rexedor mostrouse “sorprendido” polo feito de que os empregados continuasen este mércores as súas protestas fronte ao consistorio, “cando están convocados oficialmente a negociar o que solicitan para dentro duns días”.
Llano subliña que cumpriu o acordado coa convocatoria da reunión. “Na última xuntanza da mesa de negociación quedaramos en que íamos iniciar as conversas a primeira semana de febreiro, e así vai ser”. O primeiro edil burelés asegura que “hai un documento base e a partir de aí iremos avanzando”.
O alcalde saíu ao paso das críticas do PP de Burela, que o pasado martes acusouno de “presionar” ao “persoal municipal máis vulnerable” dentro do conflito laboral aberto pola RPT.
“BAIXÍSIMO NIVEL”
“Xamais presionei a ningún traballador en ningún aspecto. Dicir iso é unha barbaridade”, sostén, para afearlle ao PP “que saia insidiando e demostre un baixísimo nivel”.
Llano afirma que “o único alcalde do Concello de Burela que despediu a persoal foi Chema González Barcia; botou a unha orientadora laboral, cunha indemnización bastante alta, e deixou unhas herdanzas negativas no comedor do Vista Alegre cando decidiron prescindir de empregados municipais”.
Llano manifestou o seu desexo de que se “normalice a situación” e de que “un asunto que é laboral non se desvíe a cuestións políticas”.