EFE. Sete asociacións, entre elas o Observatorio da Mariña Pola Igualdade, rexistraron no Parlamento de Galicia un escrito para rexeitar a posible implantación na comunidade autónoma dos coordinadores parentais, encargados de mediar en conflitos entre parellas separadas con fillos.
As agrupacións son a Asociación Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo, Sindicato Labrego, Asocim, Adavas Baixo Miño, Fuco Buxan, Agamme e o Observatorio.
Sosteñen que esta figura, creada pola Fundación Filia e posta en práctica en Cataluña nun proxecto piloto de seis meses de duración, apóiase na redución de gastos procesais e en resolver a “suposta problemática” do maltrato emocional causado polo “síndrome de alienación parental”.
Carece da máis mínima credibilidade”, afirman sobre un concepto “tantas veces rexeitado polo Consello Xeral do Poder Xudicial”.
Tamén alegan que o coordinador parental “non entende aos nenos como suxeitos que deben ser escoitados e cunha vontade a ter en conta” e, por tanto, non atende ao que manifestan cando rexeitan o contacto cun proxenitor.
Aseguran que o seu papel limítase ao de ser “mero vixiante” do cumprimento de sentenzas relativas aos reximes de visitas e custodia, con potestade para axilizar trámites e propoñer medidas.
As asociacións asinantes subliñan que esta figura aséntase “nunha ideoloxía misóxina que nega a realidade da violencia de xénero e o maltrato infantil”.
Pola contra, sosteñen que os seus defensores promoven “a idea da denuncia falsa como gran problema dos que chaman divorcios conflictivos”.
Os colectivos piden paralizar o debate sobre a implantación desta figura e solicitan un pacto de todos os grupos da Cámara que “blinde” a posibilidade de entrada a debate de calquera proposta que “poña en dúbida a imaxe e integridade” das vítimas.