A Xunta de Galicia anunciou este xoves que reserva un investimento de 300.000 euros para obras de mellora no IES de Foz.
En concreto, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional (FP), ao abeiro do Plan de Dotación de Infraestruturas Educativas que promove o Goberno galego, “ten previsto ampliar o salón de actos do centro, así como o comedor e a cafetería”.
Estes dos últimos espazos son de uso docente, vinculados aos ciclos formativos da familia de hostalería e turismo que se imparten neste centro educativo.
“IMPULSO DA FP”
O Goberno galego resalta que se beneficiarán do proxecto “uns 500 alumnos que cursan os seus estudos neste instituto e, moi especialmente, o estudantado de FP, posto que a cafetería e o comedor empréganse como aulas de prácticas”.
No caso do salón de actos, instalación común a todo o centro, “estudarase a mellor solución técnica para modernizalo e se é posible amplialo”.
CAFETERÍA E COMEDOR SON LUGARES DE USO DOCENTE NOS CICLOS DA FAMILIA DE HOSTALERÍA
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, asegurou nun encontro coa dirección do centro e coas asociacións de pais e nais que o Goberno galego atende co proxecto unha demanda “liderada polo alcalde”, o popular Javier Castiñeira.
Así, Balseiro resaltou que “este salón acolle as distintas actividades do centro, entre elas, os campionatos internacionais de baristas e de catas de café”.
PRAZOS
Segundo afirmou o delegado territorial da Xunta, a administración traballa cunha planificación concreta pola que se estima “encargar o proxecto técnico da obra neste primeiro semestre deste ano, licitar os traballos no segundo semestre de 2019, e executar a obra no curso 2019-2020”.
OFERTA EDUCATIVA
A oferta educativa do IES de Foz inclúe ciclos formativos de grado medio e superior, en réxime ordinario e de adultos, así como FP básica. Tamén se imparten Eso e bacharelato (nas modalidades de ciencias e humanidades e ciencias sociais), en réxime ordinario e para adultos.