A comisión organizadora das festas patronais de Burela, que encabeza Toñi Eijo, informou este xoves de que o vindeiro luns comezará a recollida de donativos para financiar os festexos.
A presidenta do colectivo, integrado por seis persoas, asegura que “tomamos esta tarefa coa mesma ilusión de todos os anos, a pesar de que cada vez custa máis recadar“.
A dirixente da comisión agradece de antemán “ao comercio, á hostalería, a toda a xente que colabora con nós, ás asociacións, aos armadores, á confraría e ao Concello, a todos os que nos axudan, porque sen eles non existirían as festas de Burela”.

A agrupación organizadora dos festexos sostén que o programa está pensado para que público de todas as idades poida desfrutar das patronais burelesas, que se celebran na honra da Virxe do Carme e San Xoán Bautista.
“Imos tentar facer un programa con opinións que fomos recollendo polo pobo, co arranxo ao que nos pide a xente, e axustándonos ao orzamento que teñamos. Haberá actividades de todo tipo e para todas as idades”, explica Eijo, que engade que “queremos que sexan unhas festas ás que veña moita xente de fóra“.
ORQUESTRAS
A organización adiantou xa as orquestras que animarán as noites da festa. Finisterre e París de Noia actuarán o venres 31 de maio; Israel e Garibaldi, o sábado 1 de xuño; Ritmo Joven e Combo Dominicano, o domingo 2; finalmente, Trébol e Panorama amenizarán a noite do luns 3.