Ribadeo inicia obras de mellora dos accesos na Devesa e nas Anzas

As obras, financiadas con fondos municipais e provinciais, teñen un orzamento de 116.000 euros

Obras nas Anzas. AXM

O Concello de Ribadeo iniciou obras de aglomerado na Devesa e nas Anzas. Están custeadas por fondos municipais e da Deputación de Lugo, a través do Plan Único, para un investimento global de 116.000 euros.

O alcalde de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, asegurou que “continuamos estes días con diversas obras nas parroquias do noso concello, tanto nas do interior como nas da costa. Son obras de mellora dos accesos aos núcleos de poboación”, precisou.

O rexedor explicou que “neste caso estamos a executar o acceso ás Anzas que se atopaba moi deteriorado. Estámolo aglomerando botando saburra polas beiras e pintando tamén”, sinalou.

A empresa Cazás, de Burela, é a adxudicataria destas obras que se entenden “como unha primeira fase. Terá que haber unha posterior onde se interne no núcleo urbán das Anzas”, indicou Suárez Barcia.

No tocante á parroquia costeira da Devesa, a empresa que executará os traballos é Desarrollos y Metas, de Navia.

O rexedor indicou que “estamos a facer o acceso en aglomerado asfáltico desde a estrada xeral ata a subida a Noceda, pasando por debaixo do viaduto da autovía e resolvendo o cruce coa estrada do monte, á altura da igrexa da Devesa. Nese punto tamén aproveitamos para aglomerar os aparcadoiros”, explicou.

AGRADECEMENTO Á DEPUTACIÓN

Suárez Barcia agradeceu “axuda da Deputación, que sempre está ás duras e ás maduras cos veciños deste concello. Nos próximos días seguiremos traballando, se as condicións climatolóxicas o permiten, para dar melloras aos accesos a estes núcleos e a outros que faltan”, concluíu.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here