O subdirector xeral de Explotacións Agrarias, Nicasio Mejuto, afirmou que a loita contra a couza guatemalteca “evolucionou moito a positivo nestes dous anos” e afirmou que a praga “podería quedar erradicada nalgúns municipios nun tempo prudencial dun ano ou menos”.
En declaracións á axencia EFE, explicou que, a pesar das medidas adoptadas para acabar coa praga, quedan aínda “algúns focos nos que non conseguimos erradicala”.
Con este obxectivo, afirmou, manteranse “o tempo que sexa necesario as medidas establecidas na lexislación en vigor”.
Mejuto precisou que hai 17 municipios en corentena na provincia e matizou que, en función de como se desenvolvan as capturas da couza, poderían levantarse restricións á plantación de patacas nalgúns dos concellos afectados antes de final de ano.
Para iso é preciso acreditar que non se produciron capturas de couza en dous anos e, nestes intres, “xa hai municipios nos que non se rexistrou ningunha desde finais do 2017, que son candidatos” ao levantamento das restriccións, aínda que Mejuto non precisou cales.
TODA A MARIÑA, AFECTADA
Si ubicou as “zonas peores no tocante á incidencia da praga” nos municipios da costa, como “Burela ou Foz”. Noutros concellos do interior, indicou, a situación “de partida” non era “tan mala” e, coa aplicación de las medidas para erradicala, a evolución foi “positiva”, asegurou.
BURELA E FOZ FORON OS CONCELLOS CUNHA INCIDENCIA MÁIS FORTE DA PRAGA
O Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Foz, Barreiros, Ribadeo, Trabada, Lourenzá, Mondoñedo, Alfoz, O Valadouro, Ourol, Riotorto e A Pontenova forman parte da denominada “zona infestada” pola couza. A Xunta iniciou a prohibición de plantar patacas en marzo do 2017.
“ESCURANTISMO”
Pola súa banda, o Sindicato Labrego Galego (SLG) rexistrou un escrito dirixido ao conselleiro de Medio Rural no que se denuncia o “escurantismo” da Xunta de Galicia no tocante “á crise da couza guatemalteca”.
O vicerresponsable do sector de Horta, Froita e Flor do SLG, Henrique Outes, sinala que “o sector produtor das zonas en corentena está recibindo con optimismo as novas de que os controis da praga están a funcionar, e de que axiña poderán volver cultivar patacas con normalidade”.
Con todo, Outes sinala que “fontes da propia consellería do Medio Rural consultadas polo SLG afirman que é moi improbable que se erradique a praga”. O sindicato critica que o sector “non ten nin un dato oficial da consellería” e lamenta que “a desinformación está a ser total”.
PIDEN REUNIÓNS CO SECTOR
Así, o SLG insta á Xunta a convocar “reunións urxentes de carácter informativo” para informar aos particulares e explotacións afectadas, nas que se acheguen “datos sobre medidas adoptadas e prazos nos que se manterá a praga”.