A asociación de empresarios Centro Comercial Historico de Viveiro (CCHV) dispón dun novo local de titularidade municipal cedido polo Concello.
O espazo, ubicado no número 3 da rúa Díaz Freijo, vén a satisfacer unha demanda da agrupación de comerciantes, que solicitara ao goberno local poder utilizar o inmoble como oficina.
A cesión realízase polo período dun ano de forma gratuíta. Así, o colectivo poderá reducir os seus gastos ao aforrar o aluguer do local que utilizaba ata o de agora.
Así, habilitouse a planta baixa como zona de traballo diario e atención ao público e os pisos superiores como sala de reunións e almacén.
A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, entregou este venres as chaves do local á presidenta do CCHV, Dolores Pérez Santos.
A directiva do colectivo agradece ao Concello “as facilidades dadas para o bo funcionamento da actividade do colectivo empresarial” e sinala que “este tipo de colaboracións son moi importantes para unir esforzos a prol da mellora do tecido comercial da vila”.
A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, entregou este venres as chaves do local á presidenta do CCHV, Dolores Pérez Santos.
A asociación é unha entidade sen ánimo de lucro que ten como obxectivo principal a dinamización do comercio e a hostalería da vila, coa organización de actividades e o asesoramento aos negocios asociados.
“POTENCIAR O COMERCIO”
Loureiro resalta que “consideramos que esta cesión de uso é unha maneira de potenciar o comercio de Viveiro, igual que se vén facendo coa asociación de hostaleiros de Covas, aos que tamén se lles facilitou un local para uso propio e reunións”.
“Dende o Concello entendemos a situación que está a vivir o comercio e na medida das nosas posibilidades continuaremos prestando toda a colaboración posible”, concluíu a rexedora.