Vegadeo recibiu este venres o recoñecemento de Cidade Amiga da Infancia, unha distinción que outorga o Comité Español de Unicef ás administracións locais que “sitúan a infancia e a adolescencia no centro da súa axenda política”.
A ratificación do convenio entre o concello asturiano e a axencia de Nacións Unidas continúa un camiño iniciado coa elaboración do Plan Municipal de Infancia e Adolescencia, un documento marco para desenvolver actuacións orientadas á protección e promoción dos dos dereitos destes colectivos e fórmulas que faciliten a súa participación política.
CONSELLO MUNICIPAL
Nesta liña, o pasado 29 de xaneiro empezou a configurarse o Consello Municipal de Infancia e Adolescencia, creado para coordinar as accións a desenvolver.
Nel terán voz representantes do grupo de participación infantil e xuvenil de Oscos-Eo, das asociacións de nais e pais, do centro de saúde, dos centros de educación infantil, primaria e secundaria e das asociacións e entidades que interveñen no ámbito da infancia e da adolescencia no municipo.
Ademais, incluirá representantes de distintas concellerías e dos grupos políticos municipais.
FINANCIAMENTO
O Consello servirá como foro para poñer en común e desenvolver propostas “coherentes e viables” con achegas desde todos os ámbitos.
O goberno municipal comprometeu “unha partida fixa” e “esforzo para buscar vías adicionais de financiamento” para os diferentes proxectos.
“LOITA CONTRA O DESPOBOAMENTO”
Na sinatura do convenio, o alcalde vegadense, César Álvarez, sinalou que a iniciativa trata de involucrar aos máis novos “no devir do pobo e mellorar a toma de decisións” nese ámbito.
O rexedor espuxo que profundiza tamén na “loita contra poboamento” posto que -defendeu- “suporá unha maior fidelización co territorio” da poboación moza.
AVALICIÓN PERIÓDICA
A Veiga recibiu a distinción de Cidade Amiga da Infancia por catro anos, ata 2022. Cumprido ese prazo, Unicef avalirá o nivel de cumprimento das accións propostas para revalidar ou retirar o recoñecemento outorgado.
O concello vegadense é o cuarto do Occidente asturiano en sumarse a esta iniciativa, despois de El Franco, Coaña ou Navia. En Galicia, adheríronse a esta rede Cabanas, Moeche, Carnota, Teo, Redondela, O Porriño, Ourense ou Tomiño.