A Xunta de Galicia dotou ao IES Plurilingüe San Rosendo de Mondoñedo cun simulador forestal dirixido ás ensinanzas de Formación Profesional da rama de agraria, que contribuirá a que o alumnado “conte cunha cualificación que responda ás necesidades do sector agroforestal”.
Cun programa de manexo de procesadora e autocargador, un sistema multipantalla e tecnoloxía 3D, o simulador permite a recreación de diferentes escenarios, e supón “un modo eficiente” de ensinar a futuros operarios as funcións básicas dunha máquina forestal.
O simulador, cun custo que alcanza os 80.000 euros, terá unha especial aplicación “no ciclo superior de xestión forestal e do medio natural e na titulación de FP Dual que se imparte IES, a de grao medio en aproveitamento e conservación do medio natural”, segundo expón a Xunta.
A contorna de aprendizaxe do centro permite familiarizarse coas diferentes etapas do traballo de toda a cadea de maquinaria; labores de tala e extracción da madeira, técnicas de planificación ou transporte da máquina. Nesta formación inclúese o uso de sistemas de datos, permitindo avaliar os resultados e a produtividade do traballo durante a formación.
Con este equipamento, indica a Xunta, “impartirase tamén unha formación para a actualización de coñecementos e destrezas de operarios que contribuirá a mellorar a cualificación dos traballadores forestais que traballan no monte galego, ao fomento do emprego e mesmo a reducir a sinistralidade laboral e o impacto ambiental no manexo de maquinaria pesada”.
COLABORACIÓN CON EMPRESAS
O ciclo desenvólvese en colaboración con trece pequenas e medianas empresas da zona: Carronza, Construcción Obras y Viales Teixeira, Forestal Díaz Casariego, Hijos de Ramón Rubal, Tojeiro y Vidal e as empresas de madeira Masma, Díaz Ramos, Argimiro, Míguez de Burela, Naciente, Patricio, Villapol e Maderera de Cospeito.
Así, expón o Goberno galego, o simulador “non é só importante para a formación dos futuros titulados, senón para a cualificación que lles vai achegar e coa que van poder ofrecer unha preparación moito máis completa a estas empresas locais que no seu momento decidiron implicarse no proxecto”.
O Executivo autonómico espera tamén que as firmas poidan deste xeito “gañar en competitividade”.
EQUIPAMENTO TECNOLÓXICO
A dotación deste equipamento enmárcase no convenio asinado entre as consellerías de Educación e Economía en maio de 2018 para a subministración de equipamento de tecnoloxía Industria 4.0 para os centros educativos, de cara a achegar unha maior adaptabilidade dos coñecementos e das competencias profesionais do alumnado de formación profesional a estas tecnoloxías. Deste xeito, indica a Xunta, “contribúese á inserción laboral destes titulados”.
Os conselleiros de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, e de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitaron o centro acompañados da alcaldesa de Mondoñedo, a popular Elena Candia, do delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, e da xefa territorial de Educación, María Gueimunde.