IniciosociedadeO Concello perfila un protocolo anti-violacións para o Resurrection

O Concello perfila un protocolo anti-violacións para o Resurrection

O goberno baralla ofrecer dípticos, charlas aos traballadores do recinto e un punto de atención para as vítimas

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Viveiro perfila un protocolo contra as agresións sexuais para a vindeira edición do Resurrection Fest, que se celebrará no campo de Lavandeiras de Celeiro entre o 11 e o 14 de xullo.

O goberno local plantexou esta idea na primeira das xuntanzas de seguridade previstas para abordar as medidas a tomar durante o festival. Participaron na reunión a Policía Nacional e Local, a Garda Civil, Protección Civil, Portos de Galicia, representantes do Resurrection Fest e tamén membros do Servizo Galego de Saúde (Sergas).

INFORMACIÓN

Os corpos e forzas de seguridade do Estado teñen un protocolo para casos de agresións sexuais, pero o Concello de Viveiro quere reforzar a seguridade durante o festival con iniciativas destinadas a asesorar tanto ás potenciais vítimas coma ás persoas que poidan testemuñar algún tipo de delito. Así, unha das ideas que baralla é ofrecer dípticos, paneis informativos e un punto de atención -unha carpa de cor malva- para que as mulleres podan acudir de padeceren condutas violentas.

NON HOUBO DENUNCIAS POR AGRESIÓN SEXUAL NAS TRECE EDICIÓNS ANTERIORES

O goberno local tamén aspira a que a Policía Nacional ofreza charlas informativas aos traballadores do festival, de xeito que saiban como actuar en calquera momento ante este tipo de agresións.

A alcaldesa, a socialista María Loureiro, resalta que ata o de agora non houbo denuncias por agresión sexual durante os trece anos que durou o festival. Con todo, a intención do goberno local é traballar na prevención como o mellor xeito de erradicar a violencia contra as mulleres. “Queremos que se sintan arroupadas e que desfruten do festival sen ningún tipo de medo e de perigo para a súa integridade”, asegura.

POBOACIÓN MULTIPLICADA

Concello de atractivo turístico, Viveiro multiplica a súa poboación -arredor de 16.000 habitantes- nos meses de xullo e agosto. O Resurrection Fest supón o pico de recepción de visitantes cada ano. A organización do festival calcula que unhas 80.000 persoas veñen ao municipio durante os catro días de concertos. Durante a cita manterase un nivel 4 de alerta antiterrorista, o segundo no escalafón de perigosidade. A rexedora considera que “a coordinación é o máis importante”, e de aí esas xuntanzas periódicas para concretar o dispositivo de seguridade.

Neste senso, o evento contará de novo co camión da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), que cede a Xunta de Galicia. Este vehículo actúa como centro de coordinación e permite a comunicación in situ de todos os corpos e forzas de seguridade. “Estamos contentos porque non é habitual que veña a este tipo de festivais”, remata Loureiro.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...