A pescada do pincho de Celeiro e mailo bonito de Burela puxeron sabor á vixésima edición do salón internacional de turismo gastronómico Xantar, que se celebra estes días en Ourense e que congrega a unhas 25.000 persoas.
O Concello de Viveiro contou cun stand propio no que se repartiron 70 quilos de pescada, preparada tanto en salpicón -por O Val do Naseiro– como en empanada, elaborada pola panadería celeirense Jispán. Tamén se deron a probar o postre pan dos apóstolos, que cociñou Mary Carmen e Gabeiras.
POSTRE DE SEMANA SANTA
A expedición viveirense, que acudiu coa intención de promocionar a Festa da Merluza de Celeiro, declarada de interese turístico galego, e a Semana Santa, de interese turístico internacional, topouse cunha boa nova: a festividade gastronómica celeirense levou o premio ao mellor cartel do certame convocado polo salón ourensán.
PRESUME DA CACEA
O Concello de Burela, que tamén tivo un posto propio, ofreceu unha degustación de bonito preparado en diversas receitas e na que participou numeroso público.
“Presumimos de como capturamos nós o peixe, dunha maneira sostible e artesá, e tamén falamos da pescada e doutras especies que se venden na nosa lonxa”, indicou o concelleiro de turismo, Ramiro Fernández Rey.
O edil agradeceu a presencia de “50 persoas que quixeron estar hoxe aquí con nós, e que viñeron no autobús que fletamos. Non sabíamos como ía ser a resposta e quedámonos curtos”, asegurou.
A GASTRONOMÍA MOTIVA A “TRES DE CATRO VIAXEIROS”
Burela e Viveiro fixeron coincidir as degustacións co Día do Mar no salón. A Deputación de Lugo tamén estivo presente no encontro.
O deputado de turismo, Eduardo Vidal, resaltou nunha presentación a variedade e calidade das festas gastronómicas da Mariña Lucense; a Feira do Bonito, a Festa do Chícaro, a da Merluza do Pincho de Celeiro, a do Ourizo e Mexión en San Cibrao, a do Polbo de Xove e a do Percebe en Rinlo.
Para valorar a importancia da cita, Vidal subliñou que “tres de cada cadro españois viaxan motivados pola gastronomía“.