O alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente Parga, afirmou este luns sobre a sentenza que o absolve dun delito de prevaricación urbanística que “vén a ratificar o que lexislatura tras lexislatura decidiron os veciños”.
Fuente Parga asegurou que “tanto eu coma os meus compañeiros tiñamos a conciencia tranquila” e fixo fincapé no respaldo dos votantes, que lle outorgaron maiorías absolutas en 2007, 2011 e 2015.
“Sabendo que tiñamos un pleito aberto, os veciños de Barreiros creron que exerciamos os nosos cargos públicos correctamente e que debiamos seguir no goberno local. A sentenza vén a ratificar que non estaban equivocados”, argumenta.
O rexedor, para quen a asociación ecoloxista Adega, persoada como acusación particular, pedía un ano de cárcere por cada unha das licenzas concedidas en 2006 para a construción de case 3.000 vivendas, asegurou que “outros non estarán tan tranquilos e terán que facer exame de conciencia, a ver que fixeron e que conseguiron”.
“as siglas non son o máis importante. queda tempo e non hai que apurarse”, asegura sobre os comicios de maio
Fuente Parga expuxo as consecuencias a nivel persoal que tivo o caso para os sete acusados, todos absoltos. “Cando ocorre algo así, ti esqueces estes temas no traballo diario, pero os pais ou os fillos non. Pregúntanche todos os días. Eles non están en política e non se merecen pasar por isto”, lamentou.
VINDEIRAS ELECCIÓNS
A absolución do alcalde barreirense abre unha incógnita sobre o seu futuro político, toda vez que parece que concorrerá ás vindeiras eleccións municipais. Fuente Parga, que deixou de ser militante do PP no 2015 ao ter aberto un xuízo oral, podería presentarse como independente ou, libre de cargos, de novo como candidato popular.
Neste senso, o rexedor indicou que “o importante non son as siglas nin a militancia, porque hai veciños que son sosténs do PP sen ser militantes”.
Fuente Parga subliñou que “queda tempo e non hai que apurarse” á hora de presentar candidaturas de cara aos comicios de maio. Preguntado sobre se sentiu o respaldo do PP nestes últimos catro anos, Fuente Parga sostivo que “os alcaldes sempre temos contacto cos partidos”.
adega, que exerceu a acusación particular, non concreta se alegará o fallo
ADEGA
Pola súa banda, fontes de Adega non se quixeron pronunciar sobre a sentenza, que “deberemos valorar máis polo miúdo”. Por ende, tampouco o fixeron sobre a posibilidade de recorrer a sentenza xudicial que absolve ao rexedor barreirense, a cinco edís da corporación de 2006 e á arquitecta municipal.
Segundo o fallo, a asociación ecoloxista ten un prazo de dez días para presentar unha impugnación.