A Deputación de Lugo e o Concello acabaron as obras de acondicionamento e urbanización da Avenida Ría de Ribadeo, financiadas polo goberno provincial -cunha achega de 380.000 euros- e polas arcas municipais -cun importe de 58.500 euros-.
Con estes fondos humanizouse o tramo da antiga N-634 con nova capa de rodadura e beirarrúas, aparcadoiros, nova instalación eléctrica con soterramento das torees de media tensión, novas tubarias de pluviais e saneamento do arborado.
A Avenida de Ribadeo atópase nunha zona cun denso tráfico de vehículos, por ser unha zona de entrada e saída do casco urbán de Ribadeo, e que ao mesmo tempo tamén dá acceso a A-8 na rotonda de Dompiñor.
Ademais, esta vía, comunica a pé o propio núcleo urbano de Ribadeo coa área comercial existente no Vilar, que ata de agora só se podía acceder mediante vehículos rodados, ao non existir ningún tipo de acceso peonil separado dos vehículos.
VINTETRÉS COMERCIOS
Deste xeito, cúmprese a Lei de accesibilidade e ofrécese unha alternativa de desprazamento a 23 establecementos.
Na zona comercial ubícanse cinco centros comerciais, un bar, un supermercado, unha estación de servizo, un hotel, unha tenda de construción, tres concesionarios de coches, dous bazares, unha comercializadora de viños, catro tendas de recambio de automóbiles, un taller de venta de motos, unha panificadora e un lavado de vehículo.
O presidente da Deputación, o socialista Darío Campos, subliñou que “con estes traballos cumprimos unha débeda histórica cos veciños de Ribadeo que demandaban acercar a todos os usuarios e visitantes á zona comercial do Vilar. Os accesos peonís son seguros e cumpren coa eliminación de barreiras arquitectónicas, tal e como marca a normativa”, sinalou.
TRAXECTO “PERIGOSO”
Pola súa banda, o alcalde de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, remarcou que “era moi complicado vir andando ata esta zona, había que sortear multitude de obstáculos e biondas, que facían este traxecto moi perigoso para os peóns”.
O rexedor agradeceu o “compromiso” da Deputación de Lugo, que contribuíu a garantir a seguridade dos viandantes” e asegurou que a obra “quedará por moitos anos”.