O alumnado de sexto curso de Primaria do colexio ribadense Sagrado Corazón acode os primeiros venres de cada mes á residencia de maiores e ao centro de día de Ribadeo.
Alí realizan distintas actividades cos usuarios: lectura de contos compartida, narración de historias e experiencias vividas do pasado, adiviñas, xogos, e sobre todo intercambio de anécdotas e conversa cos maiores.
Nalgunhas das visitas do terceiro trimestre os nenos actuarán cantando distintas pezas tradicionais e representando unha pequena obra de teatro.
A dirección do colexio Sagrado Corazón explica que se trata “dunha actividade interxeracional que une a persoas que aparentemente non teñen nada en común, pero que os pícaros valoran moito”.
APRENDIZAXE-SERVIZO
Esta actividade englóbase dentro do APS (aprendizaxe servizo) levado acabo no centro en distintos niveis, para que o alumnado poida aprender e servir á comunidade ó mesmo tempo.
“Con este tipo de iniciativas, os escolares afianzan unha serie de valores –empatía, xenerosidade– e actitudes que lles permiten desenvolver certas competencias como o traballo en equipo, a asunción de responsabilidades, ou a comunicación eficaz, que son necesarias para a súa formación integral”, expoñen desde o centro.