EFE. Os Irmandiños (Barreiros), Melisanto (Melide) e Feiraco (Negreira) completaron a súa integración nunha única cooperativa de primeiro grao –CLUN-, de xeito que os socios pertencen desde o pasado 1 de xaneiro a unha única entidade.
Tamén se unificou a propia contabilidade da sociedade, logo de dous anos de convivencia entre os dous modelos.
O presidente de CLUN, José Ángel Blanco Purriños, precisou que os artífices da unión destas tres cooperativas consideraron nun primeiro momento que sería “máis doado” para os socios e para gobernar a nova sociedade manter a entidade dos Irmandiños, Melisanto e Feiraco, malia a súa integración.
Así, CLUN quedou constituída como unha cooperativa de “segundo grao”, ou como “unha cooperativa de cooperativas”, de xeito que cada unha das sociedades mantiña os seus propios socios e tamén a súa propia contabilidade.
Con todo, demostrouse, explicou Blanco Purriños a EFE, que ese sistema de xestión “xa non era eficiente”, porque “había duplicidades“. O dirixente de CLUN argumenta que había que celebrar “tres asambleas de socios” para tomar decisións e a contabilidade estaba separada.
3.500 SOCIOS
Por iso, defende, tomouse a decisión de “dar un paso máis” e converter a CLUN “nunha cooperativa de primeiro grao”, cunha única contabilidade, e que conta así con 3.500 socios.
Deles, arredor de mil, tanto de Galicia coma de Asturias, pertencen a Os Irmandiños.