O Servizo Galego de Saúde (Sergas) anunciou este xoves que se está a realizar o traslado do servizo de xinecoloxía á planta baixa do Hospital Público da Mariña.
Así, a partir deste venres, as consultas de xinecoloxía e eco-xinecoloxía atenderanse na planta baixa do edificio vello, para “realizar obras noutras zonas do inmoble“, correspondentes “á segunda fase da ampliación” do centro hospitalario prevista pola Consellería de Sanidade.
Na vindeira semana, precisan desde o Sergas, farase o traslado dos servizos de uroloxía e Centro de Orientación Familiar (COF) ao primeiro andar do inmoble, polo mesmo motivo.
O traslado destes servizos é “temporal“, de cara a “liberar espazos e avanzar na remodelación do edificio existente e integralo co novo pavillón”.
FALTA OFTALMOLOXÍA
Segundo apunta o Sergas, o traslado de servizos ao pavillón novo do centro hospitalario queda completo agás no caso de oftalmoloxía, un retraso que achaca “a que non chegaron aparatos encargados, xa que neste servizo encargouse material novo por completo”.
SEGUNDA FASE DAS OBRAS
Sanidade explica que “se está a executar a segunda parte das obras da ampliación do hospital”, que a xerencia do hospital prevé para o vindeiro mes de xuño.
As actuacións consisten na remodelación das plantas de hospitalización das áreas cirúrxicas do vello edificio, así como da unidade de diálises, o hospital de día médico.
Así mesmo, crearanse novos locais de consultas externas e gabinetes de exploración, ademais dunha nova área administrativa.