A Asociación Profesional Unión de Guardias Civiles de Galicia (UnionGC Galicia) solicitou este xoves o “aumento do persoal no posto da Garda Civil de Barreiros”, que se atopa “sobrecargado” de traballo.
O sindicato expón que o posto barreirense consta de oito efectivos, cun sarxento, un cabo e seis gardas civís. Un persoal que considera “insuficiente” ante a complexidade do servizo no municipio, “cunha poboación flotante que aumenta un 300% en época de vacacións para alcanzar os 10.000 habitantes”.
UnionGC Galicia explica que “a delincuencia despunta” no período estival en Barreiros, unha problemática á que se engade “o alto porcentaxe de segundas vivendas”, nas que ao longo dos últimos anos se produciron varias oleadas de roubos, a última delas este inverno.
Así, Borja Fernández, e Marcelino García, secretario provincial e vogal no Consello da Garda Civil do sindicato, consideran “urxente” o aumento de efectivos, pois os ladróns “están a actuar con liberdade”.

García argumenta que sería necesario “dobrar o número de efectivos” no posto barreirense, “para estar cubertos e poder sacar unha patrulla” e tamén para afrontar ausencias por vacacións ou baixas.
O sindicalista tamén apela a que se dote ao posto “de persoal en prácticas, que debe ser utilizado ao noso xuízo neste tipo de postos costeiros”.
TEMPOS DE REACCIÓN
García advirte de que a escaseza de persoal repercute especialmente nos tempos de reacción.
“Se estamos noutro cometido, en zonas como Ribadeo ou Foz, poden chegar aos trinta minutos, cando o desexable sería que non tardasemos máis de cinco ou dez desde que nos avisan os veciños”. A tardanza dificulta a resolución dos casos, explica.
“FALTA DE MANTEMENTO” DAS INSTALACIÓNS
UnionGC Galicia reclama tamén investimentos no mantemento do posto. “As instalacións presentan un estado exterior bastante deteriorado en canto á pintura e ao estado das ventás”, indica.
O GOBERNO ADMITE CARENCIAS
Desde o Goberno central admiten carencias de persoal que achacan “a sete anos de recortes do Partido Popular”, aínda que non precisan medidas concretas para incrementar os efectivos en Barreiros.
O Executivo resaltou que, nun balace entregado este mesmo xoves, Lugo é a provincia coa mellor taxa de criminalidade de Galicia, con 22,5 infraccións penais por cada mil habitantes.