A comisión organizadora do Entroido de Ribadeo presentou a programación do carnaval ribadense. O presidente da comisión organizadora, Francisco Iriarte, e o concelleiro de cultura, Farruco Graña, presentaron o cartel do evento e tamén as actividades previstas durante os festexos.
O programa comezará os días 23 e 24 de febreiro, coa Festa dos Freixós, que se celebrará no teatro. Dende o sábado, a partir das 12.00 da mañá, poderase degustar esta sobremesa típica do Entroido.
A MÚSICA, TEMA DA GALA
O sábado 2 de marzo continuará a programación coa celebración da Gala do Entroido (teatro, 21.00 horas), que xirará entorno a unha temática concreta: a música.
Unha hora antes, os membros da Carroza do Entroido sairán do parque de San Francisco. Desde a comisión organizadora animan “a toda a veciñanza a que se inspire na temática musical para as súas caracterizacións e nos acompañe”.
A ribadense Susana Álvarez guiará unha gala na que a organización promete “sorpresas, con artistas de renome nacional e internacional”.
BAILE INFANTIL
No programa de actividades do Entroido 2019 non faltará a comparsa do cocho, que o 3 de febreiro, que a partir das 12.00 horas, percorrerá as rúas de Ribadeo acompañada dun grupo tradicional.
Xa pola tarde a partir das 17.00 horas, será a quenda dos máis pequenos, que poderán desfrutar do tradicional baile infantil de disfraces na discoteca Rosa Lar.
CEA DE CARNAVAL
Ao día seguinte, o luns, celebrarase a Cea de Entroido, que terá lugar no restaurante Marinero, onde se poderá degustar un cocido. As entradas están á venta en: Manualidades Marta (Avenida de Rosalía de Castro), R23 (Rúa Reinante) e o propio restaurante Marinero (Porto de Porcillán).
DESFILE
O martes, 5 de marzo, será o día do gran desfile, que sairá ás 17.00 horas da Avenida Rosalía de Castro para percorrer as principais rúas de Ribadeo e rematar diante do Concello.
Ao longo destes días, a organización comezará a pedir a colaboración entre a hostalería e o comercio ribadense, co fin de recadar fondos que irán destinados, entre outras cousas, aos premios que se repartirán no concurso.
QUEIMA
Os festexos concluirán o sábado 9 de marzo, coa popular queima do Entroido. Ás 21.00 horas sairá a comitiva fúnebre das inmediacións do Concello e trasladarase ata a Avenida Rosalía de Castro, seguida dunha sesión de fogos artificiais e da monumental traca.