O Concello de Viveiro presentou este venres a súa programación do Entroido 2019, que se celebrará do 28 de febreiro ao 9 de marzo. A alcaldesa, a socialista María Loureiro, e a edil de cultura, Lara Fernández-Noriega, tamén exhibiron o cartel do evento.
O goberno local calcula que ofrecerá arredor de 8.000 euros en premios, dado que reserva preto de 7.000 para os mellores disfraces do desfile e tamén axudará con 200 euros a cada unha das carrozas participantes no concurso, a fin de estimular a participación.
Tamén con este obxectivo, o Concello dispón premios específicos para a modalidade infantil. Os grupos de pequenos optarán a un premio máximo de 300 euros, con 100 para a mellor parella e 80 para o mellor disfraz individual.
Na modalidade de adultos hai cinco categorías: carrozas -cun premio máximo de 700 euros-, grupos -300-, comparsas con música -300-, parellas -100- e individual -80-. Tamén se outorgarán galardóns de 100 euros ao disfraz máis divertido e ao máis orixinal.
O Concello lembra que presta carrozas aos interesados en participar. Os interesados poden presentar as súas solicitudes ata o 21 de xaneiro.
XOVES DE COMADRES
Os festexos comezarán o 28 de febreiro, co Xoves de Comadres. Ademais dunha xornada de tapeo, os locais do Centro Comercial Histórico de Viveiro (CCHV) ofrecerán menús especiais para animar ás mulleres a que se disfracen, ceen fóra e desfruten da noite. Tamén premiarán cun galardón ao grupo máis divertido.
PARA OS NENOS
O venres 1 de marzo será o desfile dos colexios de Viveiro, Covas e Celeiro. O goberno local programou un taller de deseño e elaboración de complementos para o Enterro da Sardiña, o aconcemento máis representativo do Entroido viveirense.
Eureka impartirá o obradoiro, con dúas quendas, unha para un grupo infantil (17.00 horas) e outra para nenos a partir de seis anos (18.30).
O luns 4 de febreiro será un día dedicado aos nenos. A partir das 17.00 horas, na Praza Maior, o espectáculo ‘Bailemos coma tolos‘ -que mestura animación musical, xogos tradicionais e maquillaxes- entreterá aos pequenos.
ALPUXARRADAS
O sábado 2 volverán as tradicionais Alpuxarradas, cargadas de humor e de sátira. A gala, conducida polo actor Carlos Sante, comezará ás 20.30 horas no Pastor Díaz. A entrada custará dous euros.
DESFILE DE ENTROIDO
O desfile celebrarase o martes 5, pola tarde. Antes, a partir das 13.30 horas, o Concello programou unha sesión vermú na Praza Maior a cargo de DJ Marco.
A saída do desfile, ás 17.30 horas, será esta vez na explanada da variante (Avenida de Ferrol) con final na Praza Maior. Acompañará a comitiva A Musikleta.
Ademais dos premios que entregará a organización, o CCHV donará premios ao disfraz máis atrevido, ao máis traballado e ao mellor dos infantís, con premios en vales de compra.
ENTERRO DA SARDIÑA
Para o mércores queda o Enterro da Sardiña, coa recepción de autoridades pola mañá na biblioteca municipal. Ás 18.00 horas descubrirase a placa conmemorativa a Pedro Rouco Abelairas, na continuación da rúa da Zapatería e Pastor Díaz.
O Enterro da Sardiña infantil arrincará ás 18.30 horas, con chocolate con churros para todos os participantes, e para as 21.00 horas queda a cita dos adultos, desde a Praciña da Herba ata a Praza Maior, onde será a queima.
Ao final da noite haberá reparto de bolos preñados e viño, que amenizará Os Charangos con pezas propias do Entroido viveirense.
ENTROIDO DE GALDO
Pechará a programación, o 9 de marzo, o Entroido de Galdo, a partir das 22.00 horas no local social Trave 21. Haberá premios aos mellores disfraces e actuación musical.
CARTEL
Como xa é habitual, a concellería de cultura encargou o cartel a unha artista local, que desta volta non quixo desvelar o seu nome. Nel aparecen referentes femininas como Frida Khalo, Rosalía de Castro ou Maruja Mallo. Con el, o Concello quere convidar ás mulleres a disfrazarse e ser protagonistas do Entroido, unha cita que durante anos lles estivo vetada.