O vigués Roberto Pereira, primeiro participante con síndrome de Down nun Campionato Internacional de Baristas Profesionais, o do IES de Foz, foi o gran protagonista do evento ao acadar un contrato laboral indefinido na empresa Delikia.
Foi a recompensa a un traballo de varios meses, durante os que se adestrou co barista Marcos González, responsable de calidade en Delikia, para poder afrontar as esixentes probas do campionato focego, como preparar catro expresos, catro capuchinos e catro cócteles sen alcol en menos de quince minutos.
González, considerado un dos mellores baristas de España, puxo en marcha xunto coa asociación Down Vigo o Proyecto Luna, que cristalizou no certame.
GAÑADORES
Alejandro Otero Rodríguez, focego e ex alumno do centro, foi o gañador da proba para profesionais. Iago Lesta, do coruñés CIFP Paseo das Pontes, acadou o segundo posto, e Jairo Muñoz Hernández completou o podio.
O propio Otero gañara co IES de Foz o trofeo dedicado aos estudantes de hostalería no 2016, co que pecha o círculo.
O pasado xoves foron premiados, na décimo segunda edición do Concurso Internacional de Baristas de Escolas de Hostalería, o propio Lesta, en primeiro lugar; no segundo, Mari Luz Alanya, da Escola de Hostelería Gamarra, e no terceiro posto Mikel Martínez, o CIFP Compostela. O CIFP Paseo das Pontes gañou o premio ao mellor centro.