O Concello de Mondoñedo vén de presentar un anteproxecto para solicitar unha axuda da Xunta de Galicia co obxectivo de ampliar a anchura do coñecido como ‘camiño de Fondoso’, entre a intersección coa N-634 ata chegar ao solo rústico.
As actuacións acometeranse nos primeiros 180 metros do camiño que une as poboacións do Vilar e Valiño co núcleo de Mondoñedo. O importe total desta obra ascende a 70.355 euros.
Na actualidade, sinala o goberno local, o camiño “é moi estreito e atópase limitado entre un muro de contención e un noiro”, polo que o dotará de maior ancho -doce metros entre os bordes- e adaptándose a aliñación que marca o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).
Esta vía é empregada por todo tipo de vehículos particulares, agrícolas e mesmo camións que acceden ás naves industriais próximas, pero as súas dimensións e o seu estado non permiten o cruce de vehículos en condicións de seguridade.
A ampliación incluirá a mellora da drenaxe, e prevé alcanzar 6,5 metros de calzada e corrixir as deficiencias do firme actual, así como as condicións de seguridade en xeral.
FINANCIAMENTO
A alcaldesa, a popular Elena Candia, agarda que este proxecto poida ser financiado con cargo ao Plan Hurbe, no caso contrario, correría por conta do Plan Único que promove a Deputación de Lugo, de xeito que, asegura, “a actuación está garantida”.
CONSENSO
O proxecto será consensuado cos socios da asociación A Pradieria e o goberno local contactou tamén cos propietarios dos inmobles afectados.