A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, calificou este venres como “boa nova para A Mariña Lucense e para a provincia no seu conxunto” a adxudicación da redacción dos proxectos de trazado e construción do treito Burela–Foz da autovía da costa de Lugo, a A-74.
O Ministerio de Fomento investirá 1,3 millóns de euros na redacción dos proxectos da Autovía da Mariña, contratados ás empresas PK Veintiocho Ingeniería, S. L., e EPYPSA EYSER, S. A.
Rodríguez lembrou que a contratación destes proxectos é “un segundo paso” que dá o Goberno socialista para avanzar na construción da infraestrutura, dado que Fomento someteu a información pública o proxecto de trazado entre Barreiros e Foz, cunha lonxitude de 11,1 quilómetros e un investimento aproximado de 241 millóns de euros.
Rodríguez destaca que a construción desta autovía “potenciará a economía da comarca e da provincia, dando unha óptima conexión aos portos de San Cibrao, Burela e Celeiro. Ademais, a súa construción rematará coa inxustiza da ausencia dunha infraestrutura que vertebre a bisbarra”, concluíu.
MEDIA DE 11.000 VEHÍCULOS DIARIOS
A A-74 permitirá dar continuidade á A-8 a través do corredor cantábrico entre Barreiros e San Cibrao, polo que se convertirá nunha alternativa á Nacional 642, que soporta unha intensidade media de 11.000 vehículos ao día, 15.000 durante o verán.
ENFRONTAMENTO CO PP
O Partido Popular de Lugo emitiu este venres un comunicado no que subliña que a data de adxudicación dos proxectos corresponde a abril de 2017, polo que afirma que a subdelegada “atribúe” ao Executivo socialista “un mérito que non lle corresponde, xa que foi decisión do Goberno de Mariano Rajoy”.
A subdelegada do Goberno, pola súa banda, defendeu que “foi Pedro Sánchez quen desbloqueou unha situación que o PP mantivo empantanada durante anos, pois nunca defendeu os intereses dos veciños”.