A Xunta de Galicia rematou as obras de reforzo do firme da LU-124 no treito entre Riotorto e Vilameá (A Pontenova), coas que queda completado o acondicionamento de todo o percorrido desta estrada.
O investimento na mellora da vía -que conecta os municipios de Riotorto, Mondoñedo e A Pontenova- superou os tres millóns de euros entre as diferentes actuacións executadas.
Esta última actuación desenvolveuse dende a saída da travesía de Riotorto (quilómetro 23+040) ata o final da estrada en Vilameá, na intersección coa estrada N-640 (quilómetro 29+550).
Esta intervención supuxo a extensión dunha nova capa de rodaxe na vía, incluídas as travesías de Recesende e Vilameá.
Ademais, incluíronse actuacións complementarias para incrementar a seguridade, mediante o reforzo da sinalización vertical, a substitución dos postes das barreiras de seguridade e a colocación de novos tramos de sistemas de contención.
Tamén se construíron cunetas de formigón para a mellora da drenaxe, que ademais serven como sobreancho practicable. Este treito recibiu un investimento de 604.000 euros.
OBRAS ANTERIORES
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, incidiu en que “estas obras de mellora da seguridade viaria na LU-124 completan as xa realizadas noutros puntos desta mesma estrada”, que conecta os concellos de Mondoñedo, Riotorto e A Pontenova, ademais de dar acceso á autovía A-8 a estes municipios e ao da Pastoriza.
Balseiro explicou que están finalizadas as obras de ampliación da calzada e extensión dun novo aglomerado no treito entre Lindín e A Cruz da Cancela, con 1.800.000 euros de investimento.
Estas melloras, dixo o representante do Goberno galego, súmanse ás executadas no ano 2015 no treito entre Mondoñedo e Lindín, cun investimento de 770.000 euros.