A Xunta de Galicia anunciou este luns que activará nas vindeiras semanas un programa de axudas por valor de 3,8 millóns de euros para impulsar a dixitalización e a modernización das pequenas e medianas empresas (pemes) comerciais e artesanais.
Así o expuxo o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, este luns en Foz, nun encontro con autónomos e emprendedores dos concellos da Mariña Lucense, organizado en colaboración co Concello e a Federación de Comerciantes da Mariña (FCAM).
O conselleiro salientou que, con este novo paquete de subvencións ao comercio, os beneficiarios poderán desenvolver proxectos de modernización integral de locais ou implantar novas fórmulas de comercialización.
Así, a Xunta destinará máis de 600.000 euros a promover a ecoinnovación, buscando a sustentabilidade ambiental e aposta por un sector comercial ligado ao coidado da contorna.
Ademais, activarase outra partida de 500.000 euros para a creación de laboratorios dixitais que permitirán asesorar e guiar ao sector no proceso de dixitalización.
No global do 2019, o conselleiro afirmou a Xunta vai destinar 14,6 millóns de euros de xeito específico a este sector para beneficiar a máis de 6.000 negocios.
CAMBIOS NO SECTOR
Conde destacou que o comercio está a vivir “un momento de fondos cambios no que o comercio de proximidade ten que dar resposta ás novas demandas e preferencias dos consumidores”. Este sector, dixo, “é un dos principais activos económicos da Mariña”.
ACCESO A SOLO INDUSTRIAL
Na súa intervención, Conde asegurou que o Goberno galego seguirá a proporcionar incentivos fiscais para favorecer o acceso a solo industrial.
O conselleiro avanzou que no vindeiro mes de marzo a Xunta terá en marcha ata 30 ordes de axuda á disposición dos empresarios, autónomos, comerciantes e desempregados galegos, que suman máis de 100 millóns de euros.
Conde puxo de relevo como, en virtude da Lei de implantación empresarial, o feito de ser Concello Emprendedor supón máis vantaxes á hora de acceder a axudas autonómicas que repercutan sobre o desenvolvemento económico local.
Nese sentido, precisou que cinco municipios da comarca contan coa distinción de Concello Emprendedor: O Vicedo, Xove, Cervo, Barreiros e Mondoñedo. E que son, en total, 17 municipios da provincia de Lugo os que están considerados coma tal.
No tocante ás facilidades que esta lei establece para acceder a solo industrial, sinalou que a Xunta está a ofrecer máis de 1,25 millóns de metros cadrados de solo empresarial en Galicia con bonificacións que, no caso da Mariña, chegan ao 50 por cento no prezo de venda.
PARCELAS EN CERVO, VIVEIRO E LOURENZÁ
Nesta comarca, agregou, a través do concurso público que ten activado Xestur, as empresas poden presentar as súas ofertas para acceder a 15 parcelas no parque empresarial de Cervo, cunha superficie de máis de 27.800m², e a 14 parcelas en Viveiro que suman preto de 38.000m². En total, máis de 65.000m² repartidos en 29 parcelas.
Ademais, indicou que o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) dispón de solo empresarial en Lourenzá susceptible de ser adxudicado en calquera momento en réxime de compravenda bonificada ou en dereito de superficie.