O PSOE de Cervo asegura que unha ducia de veciños do núcleo cervense “está incomunicada” pola “lentitude” das obras que se están a realizar nas rúas da Aldea, Cabaladexo e Praza do Souto, e pola “falta de previsión” do goberno local.
Os socialistas aseguran que os residentes “trasladáronnos o seu malestar diante dunha situación que levan vivindo durante catro meses”.
O voceiro do grupo municipal do PSOE, Francisco Mon, asegura que os veciños carecen dunha vía de acceso e saída. “O goberno municipal do PP, ao parecer, tiña previsto facer estas obras en dúas fases, pero parece que lle entraron as presas ante as eleccións municipais”.
DESPRAZAMENTO DE “400 METROS”
Mon advirte de que “ante situacións de emerxencia, como pode ser un incendio ou unha complicación médica, os profesionais non poden acceder ás rúas, tendo que desprazar todo o material necesario, a man, uns 400 metros”.
O voceiro dos socialistas argumenta así que os veciños das rúas mencionadas “non teñen garantidos os servizos de emerxencia ao dificultar as obras seu traballo”.
O CONCELLO NEGA “IMPROVISACIÓN”
Ante a acusación de “improvisación” por parte dos socialistas, o edil de seguridade cidadá, José Ramón Soto, asegurou que “antes de iniciar esta actuación establecemos un protocolo de actuación en caso de urxencia, avalado polos servizos municipais, no que contemplamos todas as eventualidades que puidesen xurdir”.
Soto recoñeceu “que a execución de calquera obra deste calado ocasiona incomodidades á veciñanza”, pero precisa que “se trata dunha situación temporal e transitoria”. Así, lembrou que “nos cascos urbáns de moitas vilas os medios de emerxencia teñen que adaptarse ás circunstancias coas que se atopen”.