Iniciosociedade(AMPLIACIÓN) O TSXG confirma a nulidade do despido no 2016 da sindicalista...

(AMPLIACIÓN) O TSXG confirma a nulidade do despido no 2016 da sindicalista revogada en Sargadelos

Rogelia Mariña, que volveu á fábrica no 2018 tras unha sentenza ao seu favor, foi sinalada polo máximo accionista e destituída polas súas propias compañeiras no pasado verán

Publicada o

- Advertisement -

Segundo informaron fontes da Unión Xeral de Traballadores (UXT), o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) emitiu unha sentenza na que confirma a nulidade do despedimento no 2016 da que fora presidenta do comité de empresa da fábrica de Sargadelos en Cervo, Rogelia Mariña.

A sindicalista foi cesada en decembro de 2016 polo conselleiro delegado do grupo empresarial, Segismundo García, co que a traballadora mantén unha tensa relación.

Daquela, o sindicato argumentou que Mariña fora despedida por negarse a que o cadro de persoal “traballase media hora máis sen unha compensación económica“. A empresa alegou “motivos disciplinarios” por “actitudes reivindicativas excesivas” para considerar o despedimento procedente.

READMISIÓN OBRIGADA

No mes de febreiro do 2018, o Xulgado do Social número 3 de Lugo declarou nulo o despedimento de Mariño.

A sentenza recoñecía á traballadora a readmisión no seu posto de traballo nas mesmas condicións que tiña antes do cesamento, a percepción dos salarios deixados de cobrar desde o 30 de decembro de 2016 e unha indemnización de 30.000 euros por danos morais, o que o TSXG ratifica.

a central pedirá que segismundo garcía pague “do seu peto” os 30.000 euros de indemnización

A UXT considera “significativo” que o fallo reitera que García “ten que responder solidariamente, xunto coa mercantil, do pago a Mariño” dos 30.000 euros de compensación. Así, o sindicato asegurá que solicitará ao Xulgado “que sexa o conselleiro delegado” quen proceda ao abonamento desta cantidade “do seu peto“.

AS DÚAS PARTES RECORRERON

Tanto Mariña como a empresa e García presentaron recurso de suplicación contra a sentenza. A sindicalista esixiu unha compensación económica maior -ata de 70.000 euros-, mentres que Sargadelos e o máximo accionista pedían a absolución.

MARIÑA PEDIU o aumento DA COMPENSACIÓN A 70.000 EUROS, O QUE NON FOI CONCEDIDO

O fallo do TSXG considera que o cesamento de Mariña no 2016 “é incardinable no ámbito do despedimento nulo pola súa vulneración da liberdade sindical, da liberdade de expresión e da garantía de indemnidade“.

Os xuíces entenden que “non se ofreceron razóns por parte da empresa para xustificar a decisión drástica do despedimento, de xeito que a mesma non está xustificada nin se ampara en motivos razonables que poidesen insertarse no ámbito de poder da mercantil“.

Por outra banda, os maxistrados desestiman aumentar a contía da indemnización á sindicalista ao considerar que os 30.000 euros referidos “axústanse ás circunstancias do caso”.

os xuíces cren que o cesamento vulnerou “a liberdade sindical, a liberdade de expresión e a garantía de indemnidade”

CONFLITO LABORAL

Tralo regreso da ex presidenta do comité á fábrica, o enfrontamento entre Mariña e o conselleiro delegado non fixo máis ca recrudecerse.

O pasado 17 de agosto, o máximo accionista de Sargadelos acusou á obreira de presionalo con impugnar o contrato de 49 traballadoras da fábrica -unha acusación que Mariña negou- e fixo estalar un conflito laboral co anuncio e a execución de varios despedimentos -e mesmo a ameaza de pechar a factoría-, o que desembocou na destitución da sindicalista polas súas propias compañeiras en asemblea.

DEMANDAS PENDENTES

O sindicato, que perdeu a súa representación na fábrica trala revogación da súa ex delegada, recorreu ante o TSXG a demanda por vulneración de dereitos sindicais que fora desestimada polo Xulgado do Social número 2 de Lugo a finais do pasado mes de outubro.

Ademais, a UXT tamén interpuxo demandas por conflicto colectivo -en relación cos contratos realizados na fábrica ao longo do último ano e medio, que segundo o sindicato incumpren o convenio-, contra a asemblea de empregadas que destituíu a Mariña, e tamén varias denuncias por despedimentos “arbitrarios” durante o conflicto laboral do pasado verán.

ÚLTIMAS

Dous cabalos invaden a A-8 en Lourenzá

Ás 9.05 horas deste sábado á altura do quilómetro 536 da A-8, no municipio...

Melloras no edificio dos armadores do porto de San Cibrao para facilitar as súas condicións de traballo

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, remarcou o futuro acondicionamento do edificio dos locais dos armadores no...

Colapsa unha parede do cemiterio de Barreiros deixando féretros e algunha caveira á vista

Veciños do municipio de Barreiros avisaron este venres do derrube dunha parede do cemiterio...

Sete persoas intoxicadas por monóxido de carbono nunha vivenda en Foz

Un total de sete persoas, das cales dúas son menores de idade, necesitaron asistencia...