IniciosociedadeBico de culturas en Burela

Bico de culturas en Burela

Un burelés e unha romanesa casarán no Cabaliño nunha cerimonia que irmandará os dous países

Publicada o

- Advertisement -

Hugo García naceu en Burela. Raluca Ganea criouse en Bod Sat, un pobo da provincia de Brasov, en Romanía. Entre as dúas localidades hai unha travesía, 3.372 quilómetros, pero a distancia carecerá de significado o vindeiro sábado. A parella casará na praia do Cabaliño nunha cerimonia que irmandará dúas familias e dúas culturas, a galega e a romanesa.

Os mozos, emigrantes do século XXI, traballan en Londres desde hai dous anos. Casaron alá, pero afirmarán o seu compromiso na Mariña Lucense cun ritual que incluirá tradicións dos seus países de procedencia. Haberá un grupo de gaitas e farase un baile colectivo circular ao estilo romanés, similar á danza prima que aínda se conserva nalgúns lugares de Asturias. 

haberá un grupo de gaitas e danzas colectivas ao estilo DE ROMANÍA

RITUAL ROMANÉS

Son moi diferentes as vodas en Galicia e Romanía? “Bastante”, sorrí García. En primeiro lugar, na cultura romanesa o casamento é unha festa que dura varios días, con rituais na xornada previa para que as familias e amizades do noivo e da noiva se coñezan. “Ata que o corpo aguante” é o lema das festas galegas, pero os romaneses tómano ao pé da letra; a celebración dura desde pola mañá até as seis da madrugada.

Os mozos coinciden en que as vodas romanesas son máis fieis á tradición e hai un maior gusto polo detalle. García conta unha lembranza do primeiro casamento ao que asistiu en Romanía. “Camiñabamos para a casa da noiva e había caldeiros cheos de flores por toda a estrada. Logo vin que a xente depositaba cartos neles”, relata. Ganea explica que é unha tradición que se encarga aos nenos e que serve para desexar aos casados prosperidade e boa sorte. O noivo non agarda á noiva na igrexa, senón que acode a buscala á súa casa para camiñar xuntos cara a cerimonia. Para acadar o seu obxectivo, deberá sortear unha serie de pequenas dificultades que lle pon a familia da rapaza.

a danza colectiva ten máis peso ca o convite nas vodas romanesas, QUE DURAN TRES DÍAS

Outra das diferenzas entre as vodas romanesas e as galegas é o peso do baile. A festa trala cerimonia non se basea tanto no convite -onde sobresae o sarmale, un repolo recheo de arroz e carne- coma na presenza constante da danza colectiva. “Alí a música tradicional está sempre presente. Todo o mundo sabe bailar, nenos, adultos e maiores”, sinala García. “En Romanía ninguén che pon problemas se a comida non é exquisita, pero tés que ter unha boa orquestra. E o saxofonista, que toca o instrumento principal, ten que ser extraordinario e ademais tocar todo o día”, sorrí Ganea.

FAMILIA DE EMIGRANTES

A moza provén dunha familia de emigrantes, con parentes en Alemaña ou Ámsterdam. “Cando quedamos, non imos aos bares. Xuntámonos na casa para comer, beber e bailar”, expón, e coa escena debulla a cultura dun país que ama a música.

Ganea, que ten formación como sumiller e tradutora, chegou a Galicia hai unha década, recén cumprida a maioría de idade. O seu primeiro destino foi Meira. Un restaurante contratouna en verán por tres meses e quedou no establecemento catro anos. “Namorei de Galicia e recibíronme cos brazos abertos. Houbo señoras maiores que me ensinaron a coser”, lembra, nun perfecto galego.

no casamento haberá xente de uruguai, reino unido, perú, brasil ou arxentina

Xusto cando Hugo e Raluca casan na Mariña, corre como a pólvora a nova de que un rapaz romanés deixou sen pagar 8.000 euros nun casamento celebrado nun restaurante de Viveiro. Os noivos lamentan que fique esta imaxe, esta etiqueta, dun país de xente traballadora. Neste contexto, a cerimonia que prepara a parella cobra se cabe un maior significado. Pola experiencia como emigrantes dos mozos e pola natureza dos seus traballos, na voda haberá convidados galegos, romaneses, e tamén xente procedente de Uruguai, Reino Unido, Perú, Brasil ou Arxentina. A praia do Cabaliño acollerá toda unha mestura de culturas nun evento que afirmará que é moito máis o que nos une que o que nos separa.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...