A iniciativa privada aumentará as prazas en albergues en Mondoñedo

O concello autorizou o inicio das obras para un albergue e un edificio de apartamentos turísticos nun inmoble situado entre as rúas Alfonso VII e Pardo de Cela

Unha das fachadas do edificio que se rehabilitará, apuntalado por unha estrutura metálica. AXM

Un albergue e un edificio de apartamentos turisticos ampliará a oferta de aloxamentos de Mondoñedo. O proxecto hosteleiro ubicarase entre as rúas Alfonso VII e Pardo de Cela, unha das entradas do Camiño de Santiago na cidade.

Os promotores rehabilitarán o inmoble que ocupa o solar, que leva dez anos apuntalado por unha estrutura metálica.

A alcaldesa, Elena Candia, que informou da concesión da licenza de obras esta semana, destacou a importancia desta actuación para “adecentar” a imaxe que ofrece a rúa.

Dacordo co establecido na licenza, os traballos, orzamentados en 750.000 euros, terán que comezar antes de seis meses. O prazo para a execución total das obras é de tres anos, aínda que poderá concederse unha prórroga.

O edificio albergará dous establecementos totalmente independentes entre si, un para apartamentos turísticos e outro para un albergue, ademais dun aparcamento para dar servizo a ambos.

ALOXAMENTOS PARA PEREGRINOS

A rexedora felicitouse polo “interese económico que está a espertar o Concello a través de iniciativas enfocadas a recibir aos peregrinos”.

O proxecto ampliará o número de prazas de aloxamento que ofrece a cidade para os camiñantes. Ademais da oferta hosteleira convencional, Mondoñedo conta cun albergue municipal, con 24 prazas, e outro privado, inaugurado en 2016, con 34.

FIN DE ETAPA DO CAMIÑO NORTE

O goberno municipal aposta por proxectar Mondoñedo como fin da etapa de entrada do Camiño Norte de Santiago a Galicia. Do 10 ao 12 de febreiro, o concello presentou a súa  oferta no Fórum Fairway, unha feira e congreso internacional especializado na ruta xacobea.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here