A nova Faba de Lourenzá, froito de décadas de investigación

O CSIC concede en exclusiva á cooperativa Terras da Mariña os dereitos de explotación dunha variedade mellorada a partir da clase cultivada na Indicación Xeográfica Protexida

Entrega da semente de Faba Galaica. AXM

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) asinou este venres o contrato de transferencia de material e de licencia de explotación da denominada Faba Galaica á sociedade cooperativa Terras da Mariña.

O CSIC, titular da variedade a través da Misión Biolóxica de Galicia (MBG), seleccionará e producirá a semente desta especie, tamén coñecida como xudía de enrame galaica, que multiplicará e comercializará en exclusiva a cooperativa, a través dos produtores da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Faba de Lourenzá.

Terras de Miranda recibiu así, nun acto celebrado en Santiago de Compostela, unha mostra de inzo da especie e a súa correspondente etiqueta oficial identificativa.

No contrato que asinaron ambas entidades regúlanse, entre outros aspectos, o uso da variedade vexetal, o ámbito territorial, os dereitos da propiedade industrial, as condicións financieiras e as obrigas de cada parte.

o csic seleccionará e producirá a semente certificada, que multiplicará e comercializará a cooperativa

Así, a área de produción da leguminosa abrangue o territorio costeiro da provincia de Lugo, que inclúe os municipios de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove.

DÉCADAS DE ESTUDO

A Faba Galaica é o resultado de máis de vinte anos de traballo. Trátase dunha variedade seleccionada fenotipicamente pola MBG para respectar e potenciar as características pertencentes á clase comercial que se cultiva na Mariña Lucense, ao amparo da IXP Faba de Lourenzá.

Entre 1987 e 1997, o CSIC realizou un traballo de compilación do xermoplasma da xudía gran e caracterizou e avaliou diversas tipoloxías da leguminosa. Tamén desenvolveu unha liña de mellora da Faba Galaica a partir da variedade local PHA-0917.

Faba Galaica. AXM

No 2015 iniciáronse os trámites para a inclusión da Faba Galaica no Rexistro de Variedades Comerciais, o que foi aprobado en maio do 2018, e no último trimestre do pasado exercicio o CSIC e Terras da Mariña pecharon o seu acordo de explotación.

o csic pon en mans do sector INZO “libre de pragas”, unha garantía de “trazabilidade” para o consumidor

RESISTENTE A ENFERMIDADES

Así, o CSIC pon en mans do sector semente rexistrada e libre de pragas, que conserva a pureza da variedade, que amosou ao longo de investigación a súa adaptación e resistencia a enfermidades, un alto índice de nascencia e un excelente comportamento na cocción.

SEGURIDADE PARA O COMPRADOR

Durante o acto interviñeron, en representación do CSIC, Eduardo Pardo de Guevara y Valdés e Antonio De Ron Pedreira; o presidente da cooperativa Terras da Mariña, José Cuadrado Oural; o ex alcalde de Lourenzá Vidal Martínez Sierra e a deputada parlamentaria Raquel Arias, “dada a súa implicación no proceso de xestación da IXP”.

A INTENCIÓN É QUE “A MEDIO PRAZO” TODOS OS AGRICULTORES da ixp PRODUZAN A PARTIR DESTA VARIEDADE

Cando a sociedade vaia consumir Faba de Lourenzá poderá estar segura de que ten unha trazabilidade, desde o CSIC aos produtores pasando pola cooperativa”, expuxo De Ron.

Presentación da Faba Galaica. AXM

Cuadrado indicou que espera que “a medio prazo todos os agricultores poidan estar producindo con esta variedade”.

Arias, pola súa banda, asegurou que a posta da explotación desta semente permitirá “garantir a calidade e mellorar a rendibilidade deste cultivo, de xeito que contribuirá a asentar e fixar poboación no rural”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here