IniciosociedadePortos tirará "na primavera" os galpóns do peirao vello e licitará "en...

Portos tirará “na primavera” os galpóns do peirao vello e licitará “en días” a dragaxe de Celeiro e Viveiro

A Xunta anuncia antes das eleccións obras para abrir a cidade ao mar e para recuperar o calado, demandas históricas da sociedade viveirense e do sector pesqueiro

Publicada o

- Advertisement -

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, anunciou este venres que o organismo portuario prevé licitar “nos vindeiros días” as obras de dragaxe do porto de Celeiro, do canal de acceso a Viveiro e do porto deportivo.

Esta actuación, orzamentada nun millón de euros, permitirá recuperar o calado para a plena operatividade da lámina de auga, expuxo o presidente do ente autonómico, José Juan Durán.

DEMANDA DESDE 2007

A Xunta de Galicia viría a satisfacer así unha demanda de máis dunha década por parte do sector pesqueiro viveirense. No 2007 chegou a primeira das alertas da escaseza de calado, que se repetiu nos anos seguintes.

No 2014, o sector advertiu de que algunhas embarcacións tocaban fondo con marea baixa, e á altura de 2017 reclamou que se investise en Celeiro o recadado no municipio, “máis de dous millóns de euros”.

DERRUBO DAS NAVES

Durán fixo este anuncio na presentación do proxecto de demolición dos galpóns do peirao vello de Viveiro, outra vella reclamación dos viveirenses, co obxectivo de gañar espazo de aparcadoiro e abrir a cidade do Landro ao mar.

A derruba das naves contará cun investimento de 240.000 euros e terá un prazo de execución de dous meses, polo que Durán agarda que estea lista “antes do inicio do verán”.

Segundo especificou Portos de Galicia, as obras consistirán na demolición de catro naves portuarias sen actividade para proceder ao acondicionamento e repavimentación da extensión na que se atopan. Esta zona pasará a destinarse a aparcadoiro, que se unirá ao existente ata o momento, quedando plenamente integrado na contorna.

Os galpóns, sen uso, prexudican a capacidade de aparcamento de Viveiro. AXM

MÁIS DE 25 ANOS DE ESPERA

A derruba dos galpóns é unha aspiración da sociedade viveirense desde hai máis de 25 anos. Portos de Galicia demoleu seis no 2005, e outros catro en 2014. A actuación anunciada suporá a conclusión do proxecto.

Durán explicou o proxecto nunha visita á zona acompañado polo delegado territorial da Xunta na provincia, José Manuel Balseiro, e que contou coa presenza da alcaldesa, a socialista María Loureiro.

O CONCELLO PIDE “COORDINACIÓN” EN SEMANA SANTA

A rexedora valorou o proxecto presentado como “unha gran nova por estética, funcionalidade e seguridade”, pero lembrou que o Concello “leva anos instando a Portos de Galicia a que fixese esta obra” e lamentou que se vaia producir “a tres meses dunhas eleccións municipais, o que a veciñanza deberá xulgar”.

Loureiro tamén se referiu ao feito de que “as obras estarán a realizarse durante a celebración da Semana Santa”.

Así, pediu á empresa adxudicataria “a máxima coordinación con este Concello para manter informada á cidadanía o tecido empresarial ou aos que poidan verse afectados pola execución destas obras”.

O PP CRITICA Á ALCALDESA

O concelleiro do Partido Popular (PP), Jaime de Olano, criticou as declaracións de Loureiro, á que acusou de “pretender apuntarse tantos que non lle pertencen. Foi a Xunta quen tivo en conta nos seus orzamentos de 2019 as necesidades da nosa cidade e quen atendeu as demandas do sector”, concluíu.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...