Os sindicatos Comisións Obreiras (CC OO) e Unión Xeral de Traballadores (UXT) recoñeceron a Melchor Roel e Rogelia Mariña, respectivamente, cos seus premios ‘10 de marzo‘ e ‘8 de marzo‘.
CC OO concede o premio 10 de marzo para reivindicar a figura daquelas persoas que levasen a cabo unha importante labor sindical, con motivo do cabodano do asasinato de Amador Rey e Daniel Niebla, sindicalistas da empresa Bazán abatidos pola ditadura franquista no 1972. Desde entón, a data celebra o Día da Clase Traballadora Galega.
“COMPROMISO”
Nun comunicado, CC OO subliña o “compromiso social e político” de Roel, que o levou ao cárcere no Uruguai con 18 anos. Sería deportado pola ditadura no 1975.
O sindicato expón que quen fora alcalde socialista de Viveiro entre 2003 e 2013, ano do seu falecemento, “fixo unha tarefa salientable a prol da articulación do Partido Comunista“.
Con 24 anos, Roel foi delegado no congreso fundacional do sindicato en Galicia, no 1978, e resultou elixido membro da primeira Comisión Executiva Nacional de CC OO. Tensi Álvarez e Xan López Facal tamén serán homenaxeados.
CONFLITO EN CERVO
Pola súa banda, a UXT celebra o Día Internacional da Muller cun recoñecemento a Rogelia Mariña, revogada polas súas compañeiras da fábrica de Sargadelos en Cervo despois de que o accionista maioritario, Segismundo García, a sinalase o pasado verán por exercer unha “presión sindical excesiva” e executase varios despedimentos.
“ATAQUE Á LIBERDADE SINDICAL”
O despedimento da traballadora en 2016 foi recentemente ratificado como nulo polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). A UXT resalta no seu comunicado que Mariña, distinguida xunto a Paloma Vaquero e a Sección Sindical do Centro Cometa, foi “vítima dun dos ataques máis descarados á liberdade sindical dos últimos anos, pero mantívose firme”.
Segundo afirmou a UXT Galicia, Sargadelos non deu permiso a Mariña para recoller o premio en Madrid.