O PSOE e Foz Plataforma de Futuro reclaman ao goberno local que elabore unha ordenanza de tráfico para Álvaro Cunqueiro e Avenida da Mariña, as dúas arterias principais do casco urbán focego.
Ante os “continuos cambios na configuración” das rúas, tanto socialistas como independentes denuncian que existen “baleiros legais” que unha normativa debe estipular.
O PSOE local demanda tamén unha ordenanza que dea “seguridade xurídica aos peóns, condutores e Policía Local. É necesario regular o horario das zonas de carga e descarga así coma os espazos reservados a zonas de aparcamento comercial de 45 minutos”, expoñen.
FPF presentou unha moción para instar ao goberno a que leve ao pleno “no menor tempo posible” unha normativa de tráfico nestas dúas vías.
MULTAS
Os independentes resaltan que na Avenida da Mariña “temos entendido que a circulación establecida para non residentes e vehículos que vaian facer algunha compra debera ser pola rúa Álvaro Cunqueiro. Así mesmo, a velocidade está limitada a 20 quilómetros por hora con preferencia de paso aos peóns”.
FPF PIDE A NULIDADE DAS SANCIÓNS QUE SE POIDAN PRODUCIR ANTE SITUACIÓNS CONFUSAS
Por todo isto, desde Foz Plataforma de Futuro cren que pode haber “baleiros legais” e instan ao goberno a declarar a nulidade de “multas que se poidan poñer por non cumprir algunha destas normas”.
PASOS DE PEÓNS
O PSOE focego reclama que se pinten pasos de peóns en Álvaro Cunqueiro e Avenida da Mariña, dado o “desconcerto” da veciñanza “á hora de pasar dunha parte a outra nestas rúas”.
Os socialistas focegos lembran que existen dous colexios nas inmediacións destas rúas que, “tal e como están configuradas, supoñen un perigo para os viandantes”, afirman.
O PSOE RECLAMA QUE SE “GARANTA A SEGURIDADE” DE MAIORES E NENOS EN RÚAS QUE ESTÁN PRETO DE COLEXIOS
Así, o PSOE focego insta a “garantir a seguridade dos nenos que se desprazan a pé á escola e das persoas maiores, que se ven obrigados a facer intentos e amagos ao ver chegar un vehículo”.
Os socialistas lamentan que en Álvaro Cunqueiro, rúa de circulación rodada continua, “ninguén sabe de quen é a prioridade, se dos propios vehículos ou dos peóns”.
No tocante á Avenida da Mariña, o grupo municipal do PSOE asegura que “esta rúa nunca poderá ser peonil mentres existan dous supermercados e un hotel co seu propio aparcadoiro, nin mentres existan zonas de aparcamento comercial”.