A Mariña Lucense estará este martes, a partir do mediodía, en alerta amarela por ventos fortes de máis de 80 quilómetros por hora.
Segundo o boletín de tempo meteorolóxico con avisos publicado por Meteogalicia, unha nova borrasca afectará a Galicia, deixando unha tarde de choivas intensas no oeste e de vento forte no litoral atlántico e nas zonas altas do interior.
O aviso amarelo por vento forte comezará ás 12.00 horas nas zonas da Mariña Lucense, así como oeste e noroeste da Coruña, mentres que a partir das 15.00 horas activarase na montaña de Ourense e no suroeste da Coruña.
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia alertou dun temporal de nivel laranxa en todo o litoral galego, aviso efectivo desde as 14.00 horas na provincia da Coruña e que se extenderá pola tarde á Costa de Lugo e Pontevedra.
CATRO PARROQUIAS SEN LUZ
O temporal de aire deixou o pasado domingo e parte do luns sen subministración eléctrica a varias aldeas do municipio de Mondoñedo.
Segundo confirmaron a Galicia Confidencial fontes da compañía Viesgo, os cortes afectaron a 36 clientes, nas parroquias de Tronceda, Silva, Figueiras e San Martiño.

A primeira hora do pasado luns, estas persoas non tiñan nin subministración eléctrica nin cobertura de telefonía, pola falta de electricidade da antena emisora.
A falta de electricidade fixo temer a algunhas familias pola perda de carne grandes cantidades de carne, pois acababan de realizar a matanza e tiñan os conxeladores cheos. O corte da subministración tamén puido afectar a tarefas gandeiras.