O PSOE de Foz e mailo goberno local, do PP, polemizaron este mércores polo Entroido, despois de que os socialistas pediran as contas da celebración, que organiza o Concello en colaboración co tecido asociativo e o comercio.
O alcalde de Foz, Javier Castiñeira, considera que a solicitude do grupo municipal socialista é “inoportuna” e “unha falta de respecto cara as persoas implicadas no Carnaval focego”.
Castiñeira afirma que achegará “as contas reais de gastos”, que polo de agora non cifra, pero tacha a actitude do PSOE focego de “pouco decorosa”. O rexedor entende que os socialistas “fiscalizan o Entroido e politizan todo o que sexa de ámbito municipal”.
O alcalde de Foz pide “respecto” para o goberno local e para “todas aquelas persoas que participan na organización ou no Entroido, que está a vivir os seus mellores momentos”.
DOUS MILLEIROS DE CONCURSANTES
O rexedor presume de cifras de asistencia e sinala que “preto de 20.000 persoas encheron as rúas de Foz para ver o desfile do pasado sábado”.
No tocante á participación do certame de disfraces, Castiñeira apunta que “houbo máis de 2.000 participantes. Hai que pensar que hai quince días tivemos unha cea de coroación coa participación de máis de 1.000 persoas”, remarca.
O alcalde focego tamén destaca “a gran implicación do comercio, patrocinando moitos dos premios. O Carnaval de Foz é un referente a nivel mariñao e galego e está nun momento no que nunca estivo”, argumenta.