A Deputación de Lugo aprobou este venres en Xunta de Goberno a contratación das prestacións de asistencia básica, manutención e limpeza nos centros de maiores de Ribadeo e Trabada. Mensajeros de la Paz acadou o contrato destes servizos por un prazo de catro anos.
O investimento público nos contratos suma 3.982.169 euros: 2.114.266 euros na residencia ribadense, que contará con 48 prazas, e 1.867.903 euros na trabadense, que ofrecerá 30 prazas internas e 20 no centro de día.
O executivo provincial, que recibiu dúas propostas por cada un dos contratos, explicou que, na resolución, valorou o aforro de 160.000 euros que ofrecía Mensajeros de la Paz, ao eximir á Deputación da pago do 4% do IVE.
“MELLORAS NAS PRESTACIÓNS”
Tamén argumentan a elección nas “melloras nas prestacións” que comprometeu a entidade.
Así, indican que os usuarios contarán con 78 horas mensuais de actividades, atención especializada en áreas como nutrición, respiración, mobilidade ou translados, servizos gratuítos de perruquería, barbería ou podoloxía, menús adaptados e pratos especiais e fóra dos horarios habituais en celebracións familiares.
Ademais, engaden, a empresa surtirase en establecementos da provincia, especialmente en concellos da Mariña, con produtos de tempada, con certificación de denominación de orixe, procedentes de agricultura e gandaría sostible.
Segundo apunta na súa web corporativa Edad Dorada Mensajeros de la Paz xestiona máis de 120 residencias e centros de maiores en todo o Estado.
RIBADEO, PENDENTE DO PIA
Completado o procedemento adminsitrativo de adxudicación, a residencia de Ribadeo aínda terá que agardar pola Permiso de Inicio de Actividade (PIA), que debe outorgar a Xunta de Galicia.
O alcalde ribadense, Fernando Suárez Barcia, explicou este venres que agardan que o persoal da Xunta visite a vindeira semana ás instalacións para realizar o informe previo. Mais amosouse escéptico con respecto á posibilidade de que a tramitación da permiso se axilice.
A demora no procedemento enfrontou nas últimas semanas ao goberno local, que ve no atraso unha intencionalidade política, e ao galego que se xustificou na “excepcionalidade” do caso.
“Contestamos a cada un dos requerimentos que puxeron ao informe, e aínda así levamos tres meses sen avances“, lamentou.
SEN PRAZOS
O PIA, do que o centro de maiores de Trabada xa dispón, sería o último requerimento para a apertura dos centros.
Sen embargo, a súa posta en funcionamento podería ter que superar outro escollo: o recurso contencioso administrativo que a dirección do Suplusa, enfrontada ao executivo provincial, presentou contra os concursos de contratación de servizos para as residencias de Trabada, Ribadeo, Pol e A Fonsagrada.
Desde o executivo provincial admiten que a entidade presidida por Manuel Martínez “pode intentar bloquear as residencias con argucias legais” pero explican que “de momento non teñen constancia de ningún avance nese sentido”. “Sen entrar en prazos”, indican que “seguirán a folla de ruta para abrir canto antes”.