O Concello de Ribadeo proporá no pleno do vindeiro martes a modificación dun dos artigos da ordenanza de protección medioambiental para permitir que bares e pubs podan ter música en vivo dentro duns límites de ruído.
O goberno local explica que trala normativa autonómica contra contaminación acústica que entrou en vigor a finais do ano pasado, eventos como os Cantos de Taberna “non estarían permitidos”.
Así, o executivo municipal proporá no pleno unha modificación do artigo 80 da ordenanza, para incorporar un novo apartado que especifique as posibilidades e as obrigas dos locais respecto da música en directo ou ambientación musical.
O alcalde de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, subliña que os establecementos de hostalería ribadenses “non poderán superar os niveis de ruído, nin tampouco os límites de aforo e os horarios que xa teñen autorizados nas súas licenzas de actividade”.
Suárez Barcia explica que “imos ir na liña doutros municipios que están á vangarda destas circunstancias como poden ser Santiago de Compostela ou mesmo Pontevedra”.
DEREITO AO DESCANSO
O rexedor remarca que “en Ribadeo tivemos moitos problemas hai anos e somos os primeiros que queremos compaxinar o dereito ao ocio duns veciños co dereito ao descanso doutros. Temos que ter en conta a importancia deste sector e neste cambio normativo para nada se vai vulnerar ningún dereito senón todo o contrario”, argumenta.
Así, segundo expón Suárez Barcia, que agarda que o cambio conte “coa unanimidade” da corporación, “vai entrar dentro do que é a normalidade racional que nun bar alguén poida cantar, por poñer por caso, ou que alguén poida tocar unha guitarra, sempre que nin os niveis de ruído, nin os límites horarios nin os límites de aforo se cambien”.