O camareiro burelao Daniel José de Castro, traballador do bar Vista Alegre, proclamouse este luns subcampión galego de tiraxe de cervexa nun campionato impulsado por Estrella Galicia e celebrado na Coruña.
O mozo, de 25 anos, brillou entre os dez mellores da comunidade nun campionato no que só foi superado por Benjamín Seoane, do pub Atlántico de Santiago de Compostela.
De Castro tivo que cumprir as esixentes probas do certame, cunha fase eliminatoria e outra final na que os concursantes deberon tirar tres cañas nun minuto e 25 segundos, servir tres botellas no mesmo intervalo de tempo e contestar preguntas sobre as propiedades da cervexa ou o seu servizo óptimo.
OS NERVIOS DO INICIO
“Na primeira fase os nervios xogáronme unha mala pasada. Tiven algúns erros na tiraxe de caña, que é o que máis acostumado estou a facer”, indica De Castro.
O feito de competir de último prexudicou o seu concurso. “Engadiume algo de presión, preferiría facer o meu traballo primeiro, pero funme repoñendo e estou moi contento co resultado”, explica.
UNHA CULTURA EN AUXE
O mozo burelao sinala que este tipo de certames “son moi positivos para reivindicar a profesionalización dos camareiros e divulgar a cultura da cervexa”.
Un mundo que cada vez atrae a máis fieis, segundo os datos de consumo. “Quizais ten que ver coa crise porque é unha bebida máis barata có viño, pero o caso é que a xente esixe cada vez mellor servizo”, constata.
Sobre a chave para tirar unha boa caña, o subcampión galego resalta que “hai que seguir ben os pasos marcados, do descarte, da inclinación, da coroación, os tempos. Ao final é poñerlle gañas e empeño”, indica.
O SEU MENTOR, SEU IRMÁN
O talento á hora de servir un café ou unha cervexa vén de familia, asegura De Castro, que aprendeu o oficio de seu irmán maior, Rubén, coñecido na Mariña Lucense como ‘Donato‘.
“Foi o meu mentor. Despois vas collendo cousas da xente coa que vas traballando, pero todo empezou con el”, indica.
“El tiña un bar e eu andaba polos 16 anos, sen saber se estudar ou traballar, e ensinoume como había que refrescar a copa, crear unha película de auga, como había que descartar a escuma… Ao principio non quería poñer un café, cando mo pedían decíalle a algún compañeiro que o fixese”, ri Daniel.
Daniel indica que o título de subcampión galego que vén de acadar ten máis dun responsable e toca non só á familia, senón tamén ás amizades e á vila de Burela. “Os clientes do Vista Alegre, ou os amigos, pedíanme botellas a propósito, cando podían pedir cañas, para que practicase a parte que tiña menos practicada”, explica.
E no Vista Alegre, pídenlle todas as cañas a Daniel? “Algo de broma hai, pero teño bos compañeiros e todos fan un servizo excelente”, expón.
CAMPIONATO ESTATAL
O subcampionato galego daralle a posibilidade de competir no Campionato de España de tiraxe de cañas, que se celebrará en Madrid na primavera.
Estar entre os mellores do Estado “era o obxectivo, a miña idea ao presentarme era tentar conseguir estar aí”, afirma De Castro, que agarda que “os nervios que pasei esta vez me sirvan para aprender daquela e ir máis tranquilo”.
De seguro, os seus clientes do bar Vista Alegre seguirán a pedirlle cervexas. Quen sabe se, ademais de desfrutar da calidade do servizo, estarán a colaborar nos “adestramentos” dun futuro campión de España.