O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Viveiro celebrará o vindeiro sábado unha concentración para demandar a creación dun circuíto multideporte no Parque Pernas Peón de Covas.
O lema da reivindicación, prevista para as 12.30 horas nese mesmo lugar, é “por un parque humanizado e con entidade propia”.
Segundo expón o partido frontista nun comunicado, o acto servirá para “demandar ao Concello que faga partícipe á veciñanza do proxecto de recuperación do espazo, e para reclamar a creación dun circuíto multideporte ao redor da zona perimetral do mesmo”.
MÁIS DE CEN ÁRBORES TALADAS
A situación do parque xerou polémica na pasada primavera, cando o Concello talou máis de cen árbores entre piñeiros e eucaliptos, case 80 máis dos previstos por unha praga de procesionaria.
O edil de medio ambiente, Jesús Fernández Cal, aludiu a razóns de seguridade para xustificar a tala, pois a enfermidade das árbores supuña “un perigo” para os veciños.