A Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense presentou este venres o seu novo logo nun acto no que se cifraron en case 300.000 as pernoitas nos establecementos hoteleiros da bisbarra durante o ano pasado.
A principal novidade que ofrece o novo distintivo da agrupación de concellos mariñá é a representación do interior. O colectivo quere así reivindicar tamén os oito municipios dos 16 da bisbarra que non teñen mar, pero si outros atractivos.
A xerente da agrupación de municipios, Tania Hermida, sinalou que o novo símbolo, obra de Eva Buide, “representa os principais atractivos da Mariña Lucense: mar e terra, costa e interior, montaña, natureza, paisaxes, patrimonio cultural… Un destino auténtico, versátil e inexplorado que acolle recursos e xentes únicas”, expuxo.
Dinamismo, proximidade e autenticidade son os atractivos que representa o logo, realizado co apoio da Axencia Galega de Turismo. “Nunha mesma liña de creación do anterior símbolo, para unha fácil identificación e para contar cunha continuación representativa, aproveitouse para engadir a cor vermello terrizo e o concepto de montaña”, precisou Hermida.
NOVA WEB
Ao longo do 2019, a mancomunidade creará tamén unha nova web e material promocional para transmitir que “A Mariña Lucense é un destino que merece moito a pena descubrir, sexa cal sexa a época do ano”, explicou a xerente.
XEODESTINO COMÚN
O presidente da mancomunidade e alcalde de Burela, Alfredo Llano, afirmou que no logo “tiñan que estar representados a montaña e o mar e as nosas singularidades”.
Llano salientou o traballo do colectivo de municipios, que exemplificou no plan integrado de emprego e no programa educativo Catuxa.
Respecto da promoción turística, o presidente da agrupación de concellos da Mariña sinalou que se están a facer esforzos en “explicar ben que este é un xeodestino común”, un obxectivo ao que queren contribuír o novo logotipo ou a nova web.
No acto de presentación, celebrado en Foz, participaron tamén o delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro, e representantes de varios concellos da Mariña.
SEGUNDA BISBARRA EN AUMENTO DO TURISMO
Tal e como publicou no pasado mes de febreiro o Xornal da Mariña, a bisbarra foi o segundo xeodestino de Galicia que máis medrou durante o pasado ano, despois de Celanova-Irimia. No 2018 contabilizáronse preto de 300.000 pernoitas, cun incremento do 4,4% respecto do ano anterior.
Balseiro asegurou que “dende a Xunta estamos convencidos de que os xeodestinos son a mellor ferramenta que temos para a promoción turística, porque son un espazo de traballo conxunto entre as administracións e os axentes do sector para dar a coñecer, singularizar e potenciar a oferta das comarcas”.