Ribadeo contará do 5 de abril ao 5 de maio cunha moeda local, a pancha. Así o explicaron este venres representantes do Concello, da Acisa e de ABanca.
Trátase dunha campaña que se desenvolverá nos comercios adheridos á mesma, pertenzan ou non á asociación de empresarios ribadense, e coa que a veciñanza poderá desfrutar duns descontos do 33%.
Cada cliente poderá cambiar, na oficina de ABanca en Ribadeo, 30 euros por 30 panchas para gastar no comercio local e a maiores recibirá dez unidades máis desta moeda como agasallo, polo que tería para investir nas tendas e locais ribadenses un total de 40 euros.
INICIATIVA PIONEIRA EN GALICIA
Desde o goberno local, a Acisa e ABanca destacan que a campaña, que moverá durante o mes de abril 40.000 euros no municipio e á que o Concello contribúe con 10.000 euros, “é novidosa en Galicia”.
O alcalde de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, explicou que a iniciativa, froito de “varios meses de traballo”, só se fixo “nalgún punto do Estado e será moi potente, orientada a reforzar ao pequeno comercio local e aos seus usuarios”.
“Queremos inxectar diñeiro público na economía local, non moito diñeiro pero para que se multiplique e xere consumo local, para apoiar este sector que nos últimos tempos se está enfrontando a un desafío terrible, motivado polos novas canles de venta”, concluíu o rexedor, que engadiu que a campaña celebrarase “nun período baixo de consumo, que queremos dinamizar”.
COMO ADQUIRIR A PANCHA
A concelleira de turismo e comercio, Ana Martínez, precisou que “empezaremos con esta iniciativa o día 4 de abril, cando os clientes poderán acudir á oficina de ABanca en Ribadeo para adquirir esta moeda. Hai limitacións por cliente, cada persoa poderá adquirir dous packs de moeda, e tamén poderá recoller este importe para outras catro persoas aportando os DNI”, expuxo.
TRABALLO DE MESES
O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, aseverou que “os técnicos levan máis de tres meses mirando como podía facerse esta moeda. O máis importante desta campaña é que temos que ter en conta é que durante o mes de abril en Ribadeo vai haber 40.000 euros movéndose no pequeno comercio”, indicou.
O delegado de zona de ABanca, Carlos Teijeiro, cualificou a iniciativa de “pioneira en Galicia” e destacou a importancia do comercio local. “Hoxe en día ser comerciante nunha vila pequena non é nada fácil e eu creo que merece o noso absoluto respecto”, sinalou.