O PP de Ribadeo asegura que os clubs deportivos locais “levan sen cobrar as axudas municipais desde o ano 2015”.
O candidato dos populares á alcaldía de Ribadeo, Daniel Vega, afirma que “isto é un exemplo da falta de compromiso co deporte local do nacionalista Fernando Suárez Barcia e polo tanto ninguén cre a súa promesa electoral de arranxar agora o campo de fútbol municipal”.
Vega pregúntase “por que en doce anos non se arranxou o Pepe Barrera” e insiste en que o Concello, que reservou unha partida orzamentaria de 420.000 euros á espera de cobrar axudas da Xunta de Galicia e da Deputación, use o Fondo de Cooperación Local.
“Crer no deporte ribadense é apostar por arranxar o campo de fútbol é dicir si a 425.000 euros que lle aporta a Xunta de Galicia ao Concello de Ribadeo. E crer nos deportistas ribadenses é firmar xa ese convenio de 46.256 euros para os equipos de fútbol e que se invistan onde eles estimen oportuno”, expón.
“PROMESA BALEIRA”
Vega acusa a Concello, BNG e PSOE de retrasar o arranxo do campo. “O PP presentou mocións nos últimos catro anos, pero Suárez Barcia votaba que non. Foi o mesmo no pleno da Deputación. E agora, tres meses antes das eleccións, prometen arranxar o campo de fútbol. Pero non vai dar tempo e polo tanto son promesas baleiras, que non se van concretar”, afirma.