O Concello de Foz disporá este luns, desde as 18.00 horas, dunha xornada de portas abertas para coñecer a nova residencia de maiores e centro de día.
O alcalde focego, o popular Javier Castiñeira, explicou que “están convidados todos os colectivos e asociacións culturais, sociais e de veciños a ver por primeira vez as instalacións da nosa residencia, para que poidan apreciar a boa calidade desa infraestrutura e o completo equipamento deste novo servizo, que empezará a funcionar en poucos días”.
O rexedor precisa que “subiremos xa ás novas instalacións aos avós do asilo a partir do día 25 deste mes e progresivamente iremos dando entrada tamén a aquelas persoas que o vaian solicitando”.
IDEA, ADXUDICATARIA ATA 2023
O rexedor municipal engadiu que “na xornada de portas abertas estarán, loxicamente, os responsables da empresa Idea Soluciones, que vai xestionar o centro durante estes próximos catro anos. Quedan todos os veciños invitados a pasar pola residencia o próximo luns ás seis da tarde, se queren ver e visitar estas grandes instalacións que en pouco tempo imos estrear”, conclúe.