O Concello de Viveiro asegurou este sábado que o Parque Pernas Peón de Covas está “limpo e listo para a súa repoboación” e que opta por manter “a esencia familiar” do espazo, trala proposta do BNG de habilitar un circuíto multideportivo na zona.
O goberno local repasou as actuacións realizadas trala tala, na pasada primavera, de 78 piñeiros e 33 eucaliptos, unha medida que xustificou en razóns de seguridade e foi obxecto de polémica.
A alcaldesa, a socialista María Loureiro, reitera que se trataba dunha tarefa “necesaria” e que “o tempo deunos a razón, pois as árbores estaban en mal estado e existía un risco de que poidesen caer”.
O Concello explica que trala tala realizouse o empacado e rastrillado dos restos de cortezas e ramaxe. Posteriormente, executouse unha poda en altura nos eucaliptos restantes.
A continuación retiraronse os tocóns dos eucaliptos e dos piñeiros, primeiro na zona do eucaliptal e logo no piñeiral.
Tamén se acometeron labores de xardinería consistentes na limpeza da zona dos tocóns, no fresado da terra e na plantación da herba, e alisouse a parte do eucaliptal con doce camións de terra vexetal.
Ante as críticas do BNG, Loureiro subliña que todas estas tarefas “foron públicas e non se escondeu nada aos veciños” e remarca que o parque “está en perfectas condicións para realizar a súa repoboación e ser usado sen perigo”.
A rexedora afirma que “é o momento de reseñar a reforestación”, un proxecto para o que defende que o parque “debe manter a súa esencia e uso tradicional, un espazo natural dentro do núcleo urbán destinado ao desfrute de distintas xeracións, en familia, un punto de encontro e de xogos, un lugar onde comer”.
Loureiro indica que “seguiremos escoitando a todos aqueles que queiran achegar as súas ideas en beneficio de Viveiro”, aínda que matiza que “a nosa pretensión é executar un proxecto que se adapte aos novos tempos, pero mantendo en todo caso a súa esencia e tradición”.
ACTO DO BNG
O BNG de Viveiro reivindicou este sábado cun acto reivindicativo aberto á veciñanza a creación dun circuíto multideporte no parque.
Os nacionalistas demandaron ao Concello que “faga partícipe aos viveirenses do proxecto de recuperación de Pernas Peón. Os veciños teñen dereito a coñecer que árbores se van plantar, cal vai ser o deseño e ordenación do espazo, con que servizos vai contar e e cal vai ser o plan de conservación do mesmo”.