AFA Viveiro atende a 27 enfermos de Alzhéimer da Mariña e asesora ás súas familias

A Deputación axuda ao colectivo cun plan de estimulación e mantemento cognitivo

Visita de Izquierdo a AFA Viveiro. AXM

Asociación de Familiares de Alzhéimer (AFA) de Viveiro atende as necesidades ás que se enfrontan diariamente os enfermos que padecen esta enfermidade neurodexenerativa e os seus familiares. Actualmente, hai un total de 27 persoas que se benefician dos servizos da asociación.

A deputada de promoción económica e social da Deputación de Lugo, Sonsoles López Izquierdo, mantivo un encontro cos usuarios da AFA, nas instalacións que este colectivo dispón na localidade.

A Deputación colabora con este colectivo a través do programa de estimulación e mantemento cognitivo destes doentes.

Esta e outras axudas permiten que as persoas afectadas sexan atendidas por distintos profesionais: traballadores e educadores sociais, terapeutas ocupacionais, fisioterapeutas, psicólogos, expertos en nutrición, no desenvolvemento psicomotor, auxiliares de enfermería, entre outros servicios, que posibilitan a aplicación de técnicas que melloran a vida das persoas afectadas.

En AFA Viveiro contan con persoal e medios especializados cos que desenvolver exercicios de memoria, como a aprendizaxe de regras mnemotécnicas; exercicios de atención visual e auditiva, como sudokus ou labirintos; actividades de cálculo mental; orientación espacial e temporal; e de linguaxe, con xogos de palabras e exercicios de narración.

810.000 DOENTES NO ESTADO

Aínda que non existe un censo oficial de afectados, a Confederación Española de Asociacións de Familiares de Alzheimer e outras Demencias (CEAFA) calcula que un 13,2% das persoas maiores de 65 anos padece esta doenza o que se traduce en preto de 810.000 pacientes en España.

En Galicia hai preto de 70.500 persoas con Alzhéimer ou algún outro tipo de demencia.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here