Máis de cen postos animarán a décimo terceira edición do Mercado da Primavera do Valadouro, que comezará o vindeiro venres e prolongarase durante toda a xornada do sábado. Ademais, a cita festexará o 125 aniversario da vila, cunha celebración que protagonizará a corporación municipal.
A deputada de cultura da Deputación de Lugo, Pilar García Porto, o alcalde do Valadouro, Edmundo Maseda, e o concelleiro de cultura, Eduardo Chao, presentaron a cita no Pazo de San Marcos.
Os asistentes ao evento poderán mercar produtos autóctonos, como mel, empanadas ou embutidos, así como facelo noutro tipo de stands con distintas mercadorías como roupa, calzado ou artesanía.
Durante estes días, o municipio mariñao rememora o pasado labrego e a vida nas aldeas, por iso todos os veciños se visten con roupas tradicionais, como as zocas, que teñen unha gran presenza durante estes dous días -reflectida no desfile– e convertéronse en sinal de identidade deste mercado.
PROGRAMACIÓN
A programación, que podes consultar neste enlace ao completo, inclúe pasarrúas, concertos, desfile de zocas e de roupa tradicional, ruta de tapas, exposición de zoqueiros, demostracións de oficios tradicionais ou exhibición de baile, entre outras actividades.
O actor e dramaturgo local Manuel Lourenzo pregoará o evento, no que terá unha especial importancia a música: actuarán Susana Seivane, Zënzar, Susana Seivane, Ruxe Ruxe ou o tamén valadourense Miro Casabella.